Judith Heumann, pegadas de liberdade
Judith Heumann, a activista polos dereitos das persoas con diversidade funcional, a apaixonada e carismática promotora dos dereitos humanos sen a cal seguramente moitas e moitos de nós non seríamos quen somos a día de hoxe, Judy, a nai do Movemento de Vida Independente, finou o pasado 4 de Marzo en Washington DC con 75 anos.
Dende Vigalicia queremos render homenaxe e amosar público recoñecemento á xenerosa camarada quen pasou a vida loitando cun sorriso e ganando espazos de liberdade fronte ás políticas e ás administracións indiferentes aos dereitos das persoas coma nós.
Dende moi nova, Heumann non aceptou ser discriminada porque o seu corpo non se axeitaba ao mundo e asumiu que as persoas con diversidade funcional debían loitar por ter unha vida en comunidade e lonxe das institucións que a sociedade crea “polo ben” do colectivo. Cultivou esta idea ata levala a todas as instancias en todo o planeta.
Xa fose no ámbito persoal, no académico ou dende dentro das propias administracións públicas (traballou como Vicesecretaria de Estado durante a presidencia de Bill Clinton e como Embaixadora mundial para as persoas con diversidade funcional no Gabinete de Barack Obama) ou das Organizacións Civís, Judy foi trazando un camiño que hoxe, grazas a pioneiras como ela, transitamos moitos outros.
En Vigalicia sempre nos sentimos preto de Heumann, dende 2003 cando no Primeiro Congreso Europeo de Vida Independente, celebrado en Tenerife, nos brindou a súa simpatía e apoio. Esta proximidade manifestouse de forma particular durante a súa estancia en terras galegas atendendo ao noso convite. Non poderemos esquecer os días que pasou a carón de nós percorrendo Galicia coa vontade de apoiarnos na labor de achegar ás xentes, organizacións e institucións públicas a mensaxe de liberación e xustiza que a Vida Independente significa para as persoas con diversidade funcional.
Durante aquela visita deu unha rolda de prensa na que explicou o que fora o xurdimento do Movemento de Vida Independente nos anos sesenta e setenta do século XX nos Estados Unidos e avaliou a que, naquel ano 2008, era a recente entrada en vigor da Convención polos Dereitos das Persoas con Diversidade Funcional da ONU.
Judith manifestaba que:
“o que hai que procurar é a igualdade en todos os termos: sanidade, educación, emprego, transportes, tecnoloxía,… Tamén se deben poñer todos os recursos lexislativos ao servizo da erradicación das situacións de discriminación”.
Heumann cría firmemente que a citada Convención da ONU debía ser a ferramenta para: “por en funcionamento servizos de asistencia persoal pero nos que a decisión sobre quen e como se debe proporcionar dita asistencia debe recaer no usuario do propio servizo e non vir determinada por unha imposición da sociedade”
, deixando claro, unha vez máis, que as persoas con diversidade funcional son suxeitos empoderados que deben ter o pleno control de decisión sobre a súa propia vida.
Días despois da mesma, nun encontro organizado por Vigalicia en Portosín, Heumann participou nun coloquio con membros do Movemento de Vida Independente de España onde reflexionaron sobre o futuro da Vida Independente dentro dun marco de profunda crise económica como o que comezaba a manifestarse naquel momento.
Aseveraba daquela Judy que:
“é fundamental explicarlles ás persoas as diferencias que supón a vida en comunidade en contraposición ao que implica a vida institucionalizada. En termos de visibilidade e empoderamento das persoas con diversidade funcional, nada pode ser mellor que vivir en comunidade e ser un suxeito de pleno dereito da mesma”.
Tamén se abordou nesta charla a idoneidade do modelo de Vida Independente fronte as distintas formas da institucionalización imperantes no noso país xa que, ademais do aspecto puramente humano, e sociais e civís, dende un punto de vista económico, sae máis “rendible” para a comunidade que unha persoa viva en comunidade a que o faga nunha residencia. Evidentemente as residencias son un negocio para moitos e, por esta razón, segue imperando na sociedade esta visión medicalizada e asistencialista en relación á diversidade funcional.
Coa sentenza todo é posible
, sinalou que é importante que as persoas crean que todo é posible porque coa Convención na man construír un mellor futuro está agora ao noso alcance.
Estas e outras cuestións foron aparecendo unha xornada moi especial. Aquela foi a última vez que puidemos desfrutar da compaña dunha referente da Vida Independente. O mundo débelle moito a Judith Heumann. A súa valentía e maneira de facer valer os seus dereitos foron e serán un faro para moitas persoas agora e no futuro. Queremos quedar coa imaxe do sorriso de Judy percorrendo fascinada as rúas de Ribeira tras da música duns gaiteiros animando aquel 25 de xullo.
Sempre contigo, seguiremos na procura dun mundo mais xusto.
AUTOR: Carlos Pampillón