José Antonio Seoane: “A Convención será unha ferramenta sobranceira para o goce dos dereitos fundamentais das persoas con diversidade funcional”
José Antonio Seoane é Profesor de Filosofía do Dereito da UDC. Doutorado en Dereito pola propia UDC en 1996 e Experto en Bioética sanitaria (Universidade Complutense de Madrid, 2000).
Experto en dereitos humanos, Biodereito e en Dereito e discapacidade é membro do Comité de Ética Asistencial do CHU A Coruña, do Comité de Ética da UDC e da Unidade de atención á diversidade-discapacidade (ADI) da UDC.
Aquí fálanos acerca das súas impresións ante a entrada en vigor da Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade:
No Propósito da Convención fálase de promover a igualdade como idea central deste Tratado. Poderá a aplicación da Convención equiparar ás persoas con diversidade funcional co resto da sociedade no que se refire a dereitos fundamentais?
A Convención será unha ferramenta sobranceira para o goce dos dereitos fundamentais das persoas con diversidade funcional. No que atinxe ao recoñecemento de tales dereitos será tamén unha valiosa axuda hermenéutica, para desbotar interpretacións lonxe dos propósitos da Convención.
Neste senso, non comparto que a igualdade deba ser a idea central. Estimo que a igualdade tería de ser unicamente a penúltima finalidade; é un valor, un principio e un dereito indispensábel, mais como contexto para o exercicio da autonomía, que é a auténtica idea central do modelo dos dereitos reflectido na Convención.
O feito de que a Convención sexa un tratado multidisciplinar que aborda as máis variadas facetas da vida das persoas con diversidade funcional, obriga aos estados a un gran esforzo tanto xurídico como económico. Comezaranse a notar, a curto prazo, as consecuencias da entrada en vigor da mesma no estado español?
As consecuencias poden ser máis visíbeis nun plano lexislativo, no que semella haber unha vontade maioritaria ou mesmo unánime de mudar variadas normas xurídicas. Tardarán máis tempo en advertirse no plano xurisprudencial, no que a variabilidade casuística ofrecerá durante un tempo solucións non axeitadas nin respectuosas cos dereitos das persoas con diversidade funcional. E probabelmente tarde aínda máis no plano social, pois dependerá do cambio de mentalidade da cidadanía e do esforzo e das prioridades políticas e económicas.
A Convención está redactada sobre moitos dos conceptos da filosofía de Vida Independente que se plasman no artigo 19. Se isto é así, por qué a sociedade sigue vendo como algo “revolucionario” a idea de vida Independente
A identidade persoal é un fenómeno apaixonante e moi complexo. Non temos unha única identidade senón unha pluralidade de identidades, que contén informacións particulares e compartidas e que presentan unha dimensión individual e unha dimensión social e colectiva. Eu non son quen creo e procuro ser, senón tamén quen e como os outros cren ou procuran que sexa. En poucas palabras, non existe identidade sen recoñecemento, persoal e social. As persoas con diversidade funcional e algúns cidadáns non conciben o artigo 19 coma algo “revolucionario”, nin xurídica nin socialmente: se recoñecen e son recoñecidas así.
Porén, algunhas persoas con diversidade funcional, o seu entorno familiar e boa parte da sociedade recoñecen ás persoas con diversidade funcional doutro xeito, lonxe da posibilidade de vida independente. Nestes casos si é algo “revolucionario”, cando non utópico e imposíbel.
A pesar de que xa está en vigor a Convención, as administracións aínda non materializaron o que se especifica no seu artigo 8: “Sensibilizar á sociedade para que tome maior conciencia respecto das persoas con discapacidade e fomentar o respecto dos dereitos e a dignidade destas persoas”. A qué se debe esta pasividade á hora de dar a coñecer esta nova realidade por parte das administracións?
O artigo 8 da Convención ten presente que o recoñecemento e a participación sociais das persoas con diversidade funcional non se obteñen unicamente mediante normas xurídicas, senón a través dun cambio cultural, e este cambio ten un ritmo diferente ao das normas xurídicas. Os anunciados cambios lexislativos son un primeiro fito nesa sensibilización, e outros novos irán chegando. Agardo que a Convención sexa o pulo definitivo neste proceso de transformación.
A nova Reforma da Lei do Aborto fala de: “supostos que posibilitan a práctica dun aborto indefinidamente si o feto presenta malformacións ou enfermidades graves incompatibles coa vida”. Non entra isto en clara contradición co artigo 10 da Convención que fala do Dereito á Vida?, É isto proba do traballosa que será no estado español a aplicación da Convención?
A eventual contradición da nova reforma da regulación da interrupción voluntaria do embarazo non se referiría tanto ao dereito á vida das persoas con discapacidade/diversidade funcional canto ao goce de tal dereito en condicións de igualdade cos demais.
Será esta Convención a ferramenta definitiva para que as persoas con diversidade funcional deixen de ser vistas como “dis” cidadáns?
Dubido que sexa a ferramenta definitiva, pois quedo moito por cambiar. Malia isto, a Convención si vai resultar decisiva no proceso de transformación persoal e social en relación coas persoas con diversidade funcional.