José Antonio Nóvoa novo membro da executiva da Rede Europea de Vida Independente
O Presidente de VIgalicia e membro do Foro de Vida Independente, José Antonio Nóvoa, acaba de ser nomeado membro da executiva da European Network on Independent Living (ENIL), “Rede Europea de Vida Independente”. Con este nomeamento Novóa substitúe en dita executiva a Manuel Lobato, falecido recentemente en accidente de circulación.
Deste xeito, José Antonio Nóvoa, convértese no representante español dentro da entidade máis importante do Movemento de Vida Independente a nivel europeo. Esta organización de dereitos humanos ten a misión de defender e exercer presión para materializar os valores, principios e prácticas da Vida Independente, é dicir, entornos libres de barreiras, a prestación de apoios de asistencia persoal e axudas técnicas axeitadas, e os métodos que en conxunto permitan a plena cidadanía das persoas con diversidade funcional. As actividades de ENIL desenvolven obxectivos a nivel europeo, nacional e das administracións locais.
É de esperar que esta nova situación sexa un acicate máis para que no estado español e especialmente en Galicia, se empece a ter en conta a filosofía de Vida Independente á hora de procurar servizos e ferramentas sociais que axuden a acadar a igualdade de oportunidades das persoas con diversidade funcional.
A ENIL é unha entidade que naceu en 1989 como expresión europea do Movemento de Vida Independente que tivera os seus inicios na década dos 70 en EEUU.
Dende o seu nacemento a ENIL engloba a entidades de toda Europa (Finlandia, Noruega, Suecia, Reino Unido, Alemaña, Irlanda, Serbia, Italia, Grecia, etc…).
No caso de España, son diversas as entidades que son membro da ENIL, entre elas VIgalicia. Ademais disto a vínculo da ENIL con España vese reforzado pola oficina técnica, ENIL-Secretariat, que esta entidade ten en Valencia dende o ano 2004.
O traslado desta oficina de Londres ata a capital valenciana foi unha das moitas tarefas que desempeñou na súa etapa como membro da executiva da ENIL, Manuel Lobato. Dende mediados dos anos 90 ata o seu falecemento, o que fora fundador do Foro de Vida Independente, loitou a favor dos dereitos fundamentais das persoas con diversidade funcional. A partir de agora, será José Antonio Nóvoa quen dará continuidade a súa labor.