Anxela López, Adolfo López e Kiko Fernández

Intervención de usuarios do proxecto piloto

A terceira intervención correu a cargo de Anxela López e Xosé Francisco Fernández Mujico, membros tanto de VIgalicia como do Foro de Vida Independente, que relataron a súa experiencia como usuarios do Proxecto Piloto de Asistencia Persoal de Galicia.

López fixo un repaso cronolóxico do que foi a evolución de dito Proxecto: no ano 2005, coincidindo co cambio de goberno, solicitámoslle tanto ao Presidente Touriño como ao Vicepresidente Quintana un Proxecto de Asistencia Persoal e Asistencia Tecnolóxica coa finalidade de obter unha ferramenta que nos permitise estar en igualdade de condicións co resto dos cidadáns.

Este Proxecto quedou nas mans da Secretaría Xeral de Benestar Social e a interlocutora principal foi María Xesús Lago: a Secretaria Xeral foi receptiva á implementación dun Proxecto Piloto á imaxe e semellanza dos existentes en Madrid e Barcelona, baseado no ideario de vida independente e, cando estaba a piques de pórse en marcha, unha entidade apareceu en escena tomando decisións que desvirtuaron o obxectivo inicial para o que foi creado que non era outro que a vida independente. O proxecto pasou a ser unha mera ampliación da axuda a domicilio, con 40 horas de asistencia semanais.

Na opinión de Anxela López: a chegada desta entidade e o feito de que fose esta á que se fixese coa xestión do proxecto, propiciou que se puxese ao cargo a xente sen experiencia en asistencia persoal o que vulnera un dos principios da filosofía de vida independente xa que deberían ser os propios usuarios de asistencia persoal os que xestionasen o proxecto.

A Secretaria de Organización de VIgalicia continuou o seu relato do acontecido: tras todo isto VIgalicia, que fora a impulsora orixinal deste proxecto, encargouse da formación tanto dos usuarios de asistencia persoal como dos asistentes. En moi breve espazo de tempo VIgalicia tivo que dar unha charla formativa en locais inaccesibles e impostos o que facía crer que existise un boicot á formación.

Outro dos aspectos aos que se fixo alusión foi ao feito de que: houbo intromisións na vida privada de usuarios e asistentes por parte da entidade xestora, xa que se facilitaron unha serie de cuestionarios nos que se facían preguntas de índole persoal que non proceden para un proxecto destas características. Entre a entidade xestora e a FUNGA crearon no lugar dun proxecto para favorecer a autodeterminación das persoas, un proxecto de características puramente asistenciais.

López asegurou que: o único criterio acorde co proxecto inicial que si se cumpriu foi a non implantación do copago.

O futuro dos usuarios foi outro dos aspectos salientados: agora quedamos nunha situación de incerteza posto que o proxecto remata o vindeiro 31 de outubro e non sabemos moi ben o que vai pasar con nós. A partir de agora a entidade xestora pasará a ser a fornecedora deste servizo co cal os usuarios do mesmo, que deberían ser os perceptores de dito servizo e ter o control do mesmo, quedan excluídos totalmente pasando o control a unha entidade allea aos nosos intereses. O único que teñen claro é que non se vai a chegar ás 40 horas semanais co cal retrocedemos aínda máis e quedase nun proxecto que non serve para a fin para a que foi creado.

Pola súa banda, Xosé Francisco Fernández Mujico asegurou que: nesta situación as 40 horas semanais que se nos concederon ata o de agora son unha boa cousa en comparación ao que nos espera en mans dunha entidade que vai decidir de xeito arbitrario o número de horas que che asignan, tendo un máximo de 27 horas e media diúrnas á semana. Non tes un mecanismo que che garanta as horas que precises. A FUNGA dáche dúas opcións: a cadeira eléctrica ou a inxección letal.

Fernández rematou a intervención asegurando que: todos os usuarios do proxecto asistimos a un curso de autoxestión impartido pola FUNGA coa fin de poder ser os xestores individuais do servizo, por iso non se entende a imposición agora de COGAMI como entidade fornecedora do servizo.