José Antonio Novoa e Adolfo López

Intervención de José Antonio Novoa

A xornada rematou coa intervención do Presidente de VIgalicia e membro do Foro de Vida Independente, José Antonio Novoa. Antes de dar comezo á súa exposición, Novoa proxectou dous testemuños de usuarios da cooperativa de asistencia persoal ULOBA de Noruega.

Ao finalizar a proxección, Novoa asegurou que: cada vez que poñemos este vídeo alguén di que está moi ben pero que é unha utopía. Eu creo que as persoas que aquí saen son coma nós e levan unha vida plena igual á de outras persoas no mesmo entorno. Outra das cousas que din é que iso é en Noruega e alí son ricos, en cambio, os nosos amigos noruegueses aseguran que os ricos somos nós xa que, doutro xeito non se explica o desbaratamento e a maneira de priorizar os intereses que ten este país. Non se trata dunha cuestión de cartos, senón que como se enfoquen as ferramentas sociais.

O Presidente de VIgalicia fixo referencia a unha lenda da mitoloxía para explicar a situación dos nosos servizos sociais: Procustes era un bandido ao que os deuses condenaron a ser hostaleiro. Todo o que chegaba á casa de Procustes tiña unha boa cama á medida, aos pequenos Procustes estirábaos ata dar a medida e aos que excedían as medidas da cama Procustes cortáballes as pernas. Algo similar é o que fan os nosos servizos sociais, nós témonos que axeitar á cama de Procustes. A cuestión non é ter moitas horas diarias de asistencia senón de ter as que cada usuario precise, sexan 14 ou 30 ao día por precisar en certos momentos de máis dun asistente”.

A continuación, Novoa expuxo algúns datos para ilustrar o modelo de cooperativa de asistencia persoal de ULOBA advertindo que non tiña porque ser unha implantación literal deste modelo, o que se precisase aquí: á hora de falar deste modelo, hai que ter en conta que temos unha longa tradición en cooperativas, dende comunidades de montes ás sociedades de animais, e que non son máis que maneiras para que persoas que teñan problemas comúns poidan atopar solucións dentro da comunidade.

”ULOBA manexa uns 2.500 asistentes persoais e ten uns 450 directores de tarefas que son persoas con diversidade funcional que dirixen aos seus asistentes persoais. Funciona baixo os principios de vida independente, é dicir, rexeita a institucionalización forzosa, a dominación dos profesionais, e a medicalización das persoas con diversidade funcional. Considera que as mellores ferramentas para crecer como ser humano son o apoio entre pares e a consellería entre pares, dúas ferramentas que nos proxectos de asistencia persoal de Madrid e Barcelona funcionaron e que no de Galicia non se tiveron en conta”.

José Antonio Novoa seguiu explicando o modelo de ULOBA: organizase baixo os principios de vida independente; autodeterminación, autoxestión da asistencia… Esta dirixida por un sistema democrático: un home, un voto e favorécese a inserción laboral das persoas con diversidade funcional en calquera posto da asociación.Todas as comunicacións ao exterior que fai a asociación corren a cargo de persoas con diversidade funcional xa que este é un xeito de poñelas en valor ante a sociedade.

En 1994 deciden por en marcha, coa axuda do goberno, un plan de acción para persoas con diversidade funcional e para iso utilizan fondos municipais para xestionar a súa asistencia persoal. O modelo vai desenrolándose e suscita o interese dos investigadores en ciencias sociais e esa é unha das materias pendentes das nosas universidades: o estudio do impacto real das políticas sociais nas persoas ás que van dirixidas. Noutros países ese análise si se fixo e iso foi positivo porque sempre saíu favorecido o modelo de vida independente.

O camiño de ULOBA non foi doado e, a partir de aquel proxecto piloto produciuse unha intensa comunicación a todos os niveis da sociedade para explicar que a asistencia persoal é unha ferramenta útil para toda a sociedade. Nun principio neste proxecto piloto entraban persoas con necesidades asistenciais puramente físicas, logo uníronse persoas con diversidades funcionais intelectuais ou mentais.

Non está protexida pola lei, non teñen unha lei de non discriminación, pero teñen unha asistencia persoal a escoller entre o concello ou unha cooperativa. Teñen ademais un sistema de axudas técnicas no cal nunha feira de axudas técnicas non preguntes o prezo, porque non o saben, diso encárgase a administración. O pago faise vía convenios entre os concellos ou as administracións e os provedores das axudas técnicas.

As diferenzas entre os concellos e ULOBA: unha persoa que estea cualificada con algún tipo de diversidade funcional presenta ante os servizos sociais municipais a súa demanda de asistencia persoal e no concello dáselle tres posibilidades; a persoa que solicita o servizo vai a contratar directamente co cal esta persoa vai controlar o diñeiro do consumo de horas e vai facer moito papelame e non disporá das ferramentas de asesoramento e de apoio entre iguais.

A segunda opción, o concello é o que emprega aos asistentes co cal o control do consumidor é moi limitado, a persoa non se preocupa do papelame pero tampouco hai apoio entre iguais e as inxerencias dos profesionais son moitas.

No modelo de cooperativa, o empregador é a propia cooperativa pero que dirixe aos empregados é a propia persoa que solicita o servizo e ahí si que hai apoio entre pares e consellería entre pares.

A chave de todo isto é o empoderamento. A idea de empoderamento é moi valiosa, os colectivos sociais que viviron situacións de desvantaxe e discriminación social, ata que estas persoas toman conciencia e toman o control da súa vida a da súa participación no sociedade dentro da comunidade como cidadáns, outra das ideas chave, van a ser uns dis-cidadáns que van estar en desvantaxe sempre. En que consiste o empoderamento? Consiste nunha atribución de poder e iso danos autoridade. A idea de que unha persoa con asistencia persoal autoxestionada que controla aos seus asistentes persoais, non é un minusválido , é un contratador, un director e, por este feito, vai ser respectada váiselle conceder unha autoridade ante os demais. Xa non é un cidadán de segunda, xa é un máis, diferente pero un máis. Aqueles sistemas que provean de asistencia pero que non faciliten mecanismos para o empoderamento, non poderán considerarse asistencia persoal.

Outra idea que prevalece é a de democracia. Non é o mesmo ser cooperativista de ULOBA ou socio da OVI de Barcelona e dispoñer do control da sociedade que contrata e ter un voto, unha representación directa nunha asemblea, que contratar os servizos a unha axencia, a unha ONG ou a un concello. Cando falamos de democracia, ven á nosa mente a idea de un cidadán, un voto; a idea de cidadanía. Nos servizos sociais asistencialistas fálase de usuarios, a idea de usuario lévanos a pensar en alguén con necesidades especiais o que é unha visión pasiva e que resta autoridade.

Cando falamos de cidadáns, falamos de dereitos. Interésanos a idea de cidadáns con dereitos e a idea de exercer eses dereitos. A asistencia persoal é un dereito recollido no artigo 19 da Lei de Promoción da Autonomía Persoal (LEPA), na Convención da ONU polos Dereitos das Persoas con Discapacidade, tamén no artigo 19, e é un dereito que temos que desenvolver os que estamos aquí, xunto con outros. Segundo o desenvolvamos viviremos mellor ou peor e os que veñan vivirán mellor ou peor”.

Novoa continuou a súa explicación falando dos Proxectos Piloto de Asistencia Persoal de Madrid e Barcelona: o proxecto piloto de Madrid chámase Proxecto de Vida Independente e Promoción da Participación Social. Iniciase en Xuño de 2006 e remata en decembro de 2008, conta co financiamento da Consellería de Familia e Asuntos Sociais da Comunidade de Madrid cun importe de 2.700.000 euros.

Como se xestiona este programa? A través de ASPAIM Madrid, unha ONG, a través da forma xurídica dun contrato administrativo. As funcións de ASPAIM Madrid nese programa son as de xestión. A este programa dedícase unha coordinadora que é unha persoas cunha grande diversidade funcional, dous traballadores sociais, e dous administrativos.

Do total dese importe o 90% destínase a asistencia persoal e os gastos de xestión son do 10%, en ULOBA os gastos de administración son do 9%, é dicir, o modelo de Madrid non está moi lonxe do de ULOBA.

O modelo de Barcelona ten uns gastos de xestión do 12,1%. Segundo a información deficiente que temos neste momento, parece ser que na extensión do Proxecto Piloto de Galicia deses 1.300 euros por persoa o que serían unhas 40 horas semanais, pásase a 27 horas o que supón unha redución dun 32,5% e non sabemos canto desta cantidade se vai destinar a gastos de xestión. Non sabemos nin o orzamento que tivo o programa.

Como se ve, é máis sinxelo ter información de Noruega, Barcelona, Madrid,… que de Galicia.

Seguindo coa síntese do programa de Madrid, o Presidente de VIgalicia apuntou: os requisitos son: persoas con diversidade funcional física, maiores de 18 anos, que residan na comunidade de Madrid. A prestación faise en especie porque senón sería considerada unha subvención incrementando a renda de quen a percibe e tendo que tributar por ela. A elección dos asistentes persoais correu a cargo dos participantes.

No tocante ás horas de asistencia de cada un, o 87% dispón de 5 horas ao día durante 365 días do ano, un total de 35 horas semanais. Hai formación frecuente, hai apoio entre iguais, hai asesoramento, non hai copago,…, en Galicia tampouco había.

O proxecto de Barcelona comeza o 15-11-06 e remata o 31-12-08 cun financiamento de 532.480 euros cofinanciados polo concello e a comunidade autónoma. Está xestionado pola OVI de Barcelona, unha ONG que se constituíu para xestionar este programa, ao igual que VIgalicia no seu momento.

O persoal dedicado á xestión na OVI de Barcelona son: dúas coordinadoras a media xornada, e contratouse un servizo de xestoría externo. A entidade ten as funcións de información e asesoramento, intermediación, recrutamento de asistentes persoais, xestión laboral, difusión da filosofía de vida independente, da figura do asistente persoal e do proxecto,… isto é importante porque se isto non chega ás persoas que precisan desta ferramenta social, pouco fixeches.

Non hai límite de horas, cada persoa aportou o seu Plan Individual de Vida Independente (PIVI) e a administración puxo os medios para levar a cabo eses PIVI. O custo por hora 11,25 euros de media. O custo por hora do Proxecto de Galicia non o sabemos.

Hai un fondo dun 20% do presuposto para imprevistos e calcúlase un tope máximo de 5.000 euros por persoa ao mes. Pode parecer moito pero aquí hai residencias onde 4.000 euros mensuais é a media.

Para rematar, o Presidente de VIgalicia aclarou o porque dun proxecto piloto: esta idea nace da necesidade de ter unha ferramenta para poder vivir unha vida como a de calquera. Ao longo dos anos un chega á conclusión que o mesmo que fai a familia, os amigos, ou profesionais pagados,.. pódese facer de xeito que non sexa moi gravoso, nin unha carga para a familia. Cando un empeza a ver esta ferramenta en medios próximos, comeza a darlle voltas á idea.