Alejandro Rodríguez Picavea

Experiencia persoal no uso da Asistencia Persoal

O seguinte en tomar a palabra foi Alejandro Rodríguez Picavea, membro do Foro de Vida Independente e usuario do Proxecto Piloto de Asistencia Persoal da Comunidade de Madrid.

O primeiro ao que se referiu foi ao termo diversidade funcional: eu, e moitas das persoas do foro, cremos que as palabras moldean o pensamento. Se falas en positivo pensas en positivo. Vimos de termos como enfermo, subnormal, diminuído, discapacitado,… estas denominacións fan que se interiorice que se é diferente e menos que os demais. O termo diversidade funcional non é nin positivo nin negativo, tan só fai referencia ás diferentes formas de funcionar das persoas (o que non indica que sexamos menos capaces nin menos válidos que ninguén). No fondo todas as persoas funcionan de xeitos diferentes pero a nós discrimínasenos polo nosos xeito de funcionar e aí toma sentido o termo diversidade funcional.

Alejandro definiu ao Foro de Vida Independente como: un foro de pensamento, integrado a día de hoxe por 750 persoas, onde non hai xefes. É unha comunidade virtual na que se intercambian opinións e onde, por enriba de todo, se participa. Outra das características do foro é que nel tamén participan persoas sen diversidade funcional.

Picavea proseguiu a súa intervención explicando o novo modelo da diversidade que é a proposta do Foro de Vida Independente como modelo de vida das persoas con diversidade funcional. En palabras do membro do Foro de Vida Independiente: este é un modelo que prima a dignidade das persoas sobre a súa capacidade e a diversidade sobre a normalidade. Segundo o poñente a necesidade de implantación deste modelo, quen ten ás súas raíces dentro do modelo de vida independente, ven dada porque: o modelo de vida independente quizais se baseaba demasiado na capacidade das persoas o que deixa sen resolver a cuestión que pasa coas persoas que non poden, ou sexa, que carecen desa capacidade.

A pedra angular de todo este pensamento é que as persoas con diversidade funcional temos que darnos conta de que: nós non temos ningún problema co mundo, senón que é o mundo o que parece ter un problema con nós, é dicir, o problema non é que eu non poida subir a unha beirarrúa senón que a beirarrúa non está rebaixada para que eu me suba a ela, por exemplo.

Alejandro Picavea destacou a figura do asistente persoal como fundamental para o desenvolvemento do modelo da diversidade. O asistente persoal é aquela persoa que che axuda a levar a cabo todas aquelas tarefas da vida diaria nas que o precises, tendo sempre moi claro que as decisións son tomadas polo propio usuario do servizo xa que: no momento que ti deixas de tomar as decisións o asistente persoal deixa de selo.

Para o membro do Foro de Vida Independente esta toma de decisións non é polo feito de dicir: eu decido e eu mando, senón que hai unha relación laboral regulada en función a unhas bases.

Segundo explicou Alejandro: ata o de agora en España as persoas con diversidade funcional tiñamos dúas opcións; ou ben recorrías ao apoio informal (familiares, amigos,…) ou ben acudías ao internamento nunha institución residencial. Isto lévanos a que a única maneira de estar en igualdade de oportunidades cos teus concidadáns é ter un asistente persoal.

A continuación, Alejandro repasou os seus anos nunha residencia : a residencia serviume para saber o que non desexaba que fose o resto da miña vida porque alí ti non tes o control da túa vida xa que todas as accións (cando saes, cando comes, cando utilizas o cuarto de baño,…) están suxeitas a decisións de terceiras persoas.

Outra opción á que se fixo referencia é a axuda no fogar, para Picavea: a axuda no fogar é similar a un arresto domiciliario posto que se circunscribe soamente ao ámbito do fogar. Non te fai libre porque non che outorga poder de decisión.

Fronte a todas estas opcións que non che dan a capacidade de autodeterminación, xurde a figura do asistente persoal que é: a única alternativa que che permite levar unha existencia en igualdade de oportunidades. Na relación entre usuario e asistente persoal é fundamental o pago directo xa que: axuda a que o asistente persoal te valore como xefe, xa que es ti quen lle paga. Evidentemente este pago directo ten que ter un control.

Unha vez fóra da residencia Alejandro foi un dos usuarios do Proxecto Piloto de Asistencia Persoal da Comunidade de Madrid que coordina a Oficina de Vida Independente (OVI) de Madrid e que é xestionado por ASPAYM Madrid e que actualmente da asistencia persoal a 62 persoas con diversidade funcional con óptimos resultados.

Dentro deste proxecto cabe destacar que: só un 10% do orzamento total se destinou a gastos de xestión, contrariamente ao que sucede con outros Proxectos Piloto de Asistencia Persoal nos que os gastos de xestión están entorno ao 30-40%.

Un dos requisitos que se pediron á hora de contar con ASPAYM Madrid foi que: a persoa que dirixise a OVI fose unha persoa con diversidade funcional xa que si ti sabes o que precisas, saberás mellor o que precisa unha persoa en condicións similares ás túas.

Picavea rematou a súa intervención lembrando a importancia da Convención da ONU polos dereitos das Persoas con Discapacidade que o estado español ven de ratificar recentemente.