Anxela López Leiceaga e o seu asistente persoal - FOTO: Antonio Hernández (El Correo Gallego)

Entrevista a Anxela López tras a condena a Vueling por denegarlle o embarque

Entrevista a Anxela López Leiceaga no programa Convivir en igualdade tras a recente condena a Vueling por denegarlle o embarque.

Terían que chegar a Santiago o 8 de setembro de 2015, pero fixérono cinco días despois, tras viaxar con outra aerolínea desde Ámsterdam a Barcelona, e completar en tren o resto do traxecto. Agora, o Xulgado do Mercantil Número 2 da Coruña condena a Vueling a indemnizar en 3.573,69 euros a Anxela López Leiceaga e ao seu asistente persoal pola denegación de embarque, os gastos de transporte e aloxamento, os intereses legais e o dano moral adicional causado pola negativa da compañía a autorizar a entrada ao avión dos demandantes, aducindo que o peso da cadeira de rodas motorizada que utiliza López Leiceaga, así como deficiencias na mesma, comprometían a seguridade do voo.

A mesma cadeira, lembra a demandante, voara con eles na viaxe de ida, realizado con Vueling entre Santiago e Ámsterdam o 3 de setembro, sen que o seu peso, recalca, representase problema ningún. En canto ás deficiencias alegadas pola compañía, explica que se produciron durante o transporte na viaxe de ida, aínda que non se detectaron ata o momento de preparación da cadeira para o seguinte embarque. En calquera caso, apunta, non afectaban o dispositivo eléctrico, de modo que non constituían risco ningún. Este punto, a cobertura por parte de Vueling dos gastos de reparación, é o único apartado desestimado pola xuíza, ante a dificultade de probar que efectivamente os danos se produciron no primeiro voo.