Entrevista a Anxela López e Asunción Leiceaga
A activista polos dereitos humanos, Anxela López, e a súa nai, Asunción Leiceaga, responden ás nosas preguntas tras recibir o Premio Manuel I. Piñeiro que concede a Asociación Amigos de Galicia pola súa loita en favor dos dereitos das persoas con diversidade funcional.
Que significa para vostedes o feito de recibir este galardón?
Anxela: É un recoñecemento á labor das persoas con diversidade funcional que loitan polos seus dereitos. Eu quero compartir este premio, coa miña familia e con todas aquelas persoas que dende o seu posto de traballo cada día se empeña en lograr unha sociedade inclusiva, de todos e para todos, persoas sempre atentas ante os actos discriminatorias coas que sempre contamos
Asunción: Para min, claro está, é un recoñecemento que me honra, sobre todo, vindo de onde ven. De todos os xeitos, como xa aclarei na recollida do premio en Rábade, creo que é un deber de toda a cidadanía esforzarse por acadar a igualdade de oportunidades para as persoas con diversidade funcional e, dende ese punto de vista, creo que non fago nada extraordinario, só cumprir co meu deber como cidadán.
Nos tres anos que a Fundación Amigos de Galicia concedeu este premio, os galardoados foron persoas ligadas tanto ao Foro de Vida Independente como a VIgalicia. Teñen vostedes a impresión de que a filosofía de Vida Independente empeza a chegarlle á sociedade galega e, en especial, ás persoas con diversidade funcional?
Anxela: Algo si que pode estar a chegar pero aínda é moi pouco significativo. Aínda somos unha minoría.
Asunción: Sen embargo, hai unha organización como é a Fundación Amigos de Galicia que si apoia. Trátase, máis que nada, dun recoñecemento por parte desta fundación, pero que pode axudar á difusión da filosofía de Vida Independente.
Nos discursos que vostedes as dúas pronunciaron á recollida do premio, fixeron mención a situación que están a padecer dous nenos con diversidade funcional da provincia de Pontevedra aos que a Consellería de Educación obriga a escolarizar en centros de educación especial en contra da opinión dos seus pais. Que opinión lles merece esta situación?
Asunción: É unha situación que me parece de claro retroceso á inclusión das persoas con diversidade funcional. Isto é consecuencia dunha orde directa da Consellería de Educación, a través da súa delegación de Pontevedra e isto paréceme imperdoable posto que a Consellería lanza mensaxes de inclusión en moita da súa propaganda e, á hora da verdade, non pon medios e ademais obriga a estes dous rapaces a ir a un centro de educación específico, na contra da opinión dos seus pais. É inadmisible.
Anxela: É unha irresponsabilidade, como dixen ao recoller o premio. Isto é máis incomprensible no momento actual, no que acaba de entrar en vigor a Convención da ONU polos dereitos das Persoas con Discapacidade.
O 10 de Decembro é o Día Internacional dos Dereitos Humanos. Cales son as principais demandas das persoas con diversidade funcional neste día, tendo en conta a recente entrada en vigor da citada Convención da ONU?
Anxela: A principal demanda é que as administracións deben poñerse as pilas para que as persoas con diversidade funcional teñan recoñecidos os seus dereitos humanos. Deben poñer a disposición de todas as persoas os recursos e medios necesarios para que non se dean estas situacións de exclusión das que falábamos anteriormente. Podemos falar de educación inclusiva, como de todos os ámbitos da vida das persoas: ocio e tempo libre, transportes, comunicacións,… En definitiva, dotar de medios para que a igualdade de oportunidades sexa algo real e non quede nun simple texto normativo, velando ademais porque esta normativa se cumpra.
Asunción: As administracións deben de tratar de eliminar das súas distintas normativas aquilo que contradí o expresado pola Convención da ONU algo ao que, por outra banda, xa obriga a propia Convención.
Por exemplo, está a punto de saír un decreto de educación que obriga á escolarización, en determinados casos, en centros específicos. Isto vai claramente en contra do expresado pola Convención.
Que lle diriades ás persoas con diversidade funcional e as súas familias que pasen por situacións de discriminación, sobre todo no ámbito educativo, similares ás que vós afrontastes no pasado?
Asunción: Que se informen e se dean conta do dereito que teñen a cursar os seus estudos no mesmo entorno que os seus irmáns, parentes, amigos,… Ademais eu diríalles que non cedan ante as presións que poida provocar a exclusión de calquera persoa que forme parte dunha comunidade.
Anxela: É moi importante que, á hora de informarse, acudan ás persoas con diversidade funcional, o que chamamos apoio entre iguais. Si unicamente acodes a informarte a un profesional, ten en conta que este poderá ser imparcial ou non, posto que forma parte dese sistema que xera a discriminación.
Algo como o que me sucedeu a min coas probas de selectividade: Dende o organismo encargado de organizar as probas , a CIUG, dependente da Universidade, obrigabanme a ir a un centro específico a realizalas. Negueime e para eso contei co solidariedade dos compañeiros, dos docentes, do Alcalde , de moitas persoas anónimas, e en xeral de toda a sociedade civil a excepción, curiosamente dunha asociación de persoas con diversidade funcional de A Coruña. Entre todos, logramos a conquista dun dereito.
Asunción: Internet e unha ferramenta que nós non tiñamos e que é moi útil para contactar coas persoas con diversidade funcional que lles poden axudar.