Alumnado e profesorado do IES de Chapela

Dignidade e liberdade para a toda a diversidade humana no ano 2026

O pasado 12 de Decembro, a docencia do ciclo de atención ás persoas en situación de Dependencia e de mediación comunicativa do IES de Chapela (Redondela) invitou a VIGalicia a dar unha charla sobre Vida Independente e Asistencia Persoal ao seu alumnado.

A representante de VIGalicia, Anxela López, despediu o ano 2025 afirmando que si realmente queremos que a sociedade avance no estado do benestar non podemos esquecernos de todas aquelas persoas ás que se lles sigue infravalorando e vulnerando sistematicamente os seus dereitos humanos máis básicos e fundamentais.

Incidiu no intolerable que é, que ano tras ano se continúe a incumprir o mandato que emana da ONU ao que nos comprometemos o 3 de Maio de 2008:

A tratar a diversidade funcional como unha cuestión de dereitos humanos, garantindo o dereito a unha Vida Independente e a inclusión comunitaria, e por tanto a non investir más fondos públicos en institucionalización.

Engadiu que, entre todas, podemos e debemos unirnos, na defensa da dignidade e a liberdade para toda a diversidade humana, impulsando unha mudanza ideolóxica que nos leve a construír un mundo máis xusto e inclusivo onde a ningún ser humano se lle discrimine, e conte coas mesmas oportunidades de vida, sen importar a diversidade funcional, idade, cor de pel, sexo, identidade ou orientación sexual, lingua…

Enfatizou que a demanda histórica de apoios humanos do Movemento de Vida Independente, tales como a Asistencia Persoal/sexual, e a petición de que todas ás infraestruturas se axusten ao deseño universal, non debe entenderse coma unha cuestión que atangue só ao grupo de persoas discriminadas pola súa diversidade funcional, senón tamén a toda unha humanidade que está a envellecer e a perder a posibilidade de funcionar nunha sociedade pensada e organizada por e para unha suposta “maioría”.

Anxela fixo un breve resumo dos acontecementos e aportacións realizadas durante o ano 2025 polo Movemento de Vida Independente, salientando:

  1. En Marzo a Federación de Vida Independente enviou un comunicado con motivo da proposta de reforma da LEPAP e outra lexislación en materia de Diversidade funcional para adaptala á Convención da ONU impulsada polo Ministerio de Derechos Sociales, Consumo y Agenda 2030.
  2. En Xullo aprobouse polo goberno do Estado o anteproxecto de lei en materia de “Dependencia e Discapacidade” para adaptala á precitada normativa, que está aínda pendente de tramitación no Congreso.

Aclarou que o concepto de Asistencia Persoal non se debe confundir con un recurso asistencial mais, posto que o seu fundamento ten a súa orixe no ideario do movemento de Vida Independente, cuxo fin é a emancipación e a igualdade de oportunidades, tal e como se sinalada na observación nº 5:

“Os provedores de servizos de apoio a miúdo describen erroneamente o seu servizo utilizando os termos “vida independente” ou “na comunidade” e “asistencia persoal”, aínda que na práctica eses servizos non cumpran os requisitos que expón o artigo 19.

A asistencia persoal refírese ao apoio humano dirixido polo interesado ou o “usuario” que se pon ao dispor dunha persoa con diversidade funcional como un instrumento para permitir a vida independente”.

A independencia como forma de autonomía persoal implica que a persoa con diversidade funcional non se vexa privada da posibilidade de elixir e controlar o seu modo de vida e as súas actividades cotiás”.

Remata, como é habitual, cunha frase en prol dos dereitos humanos, está vez de Nelson Mandela:

“Porque ser libre non se trata só de romper as propias cadeas, senón de vivir dun xeito que respecte e potencie a liberdade dos demais”