Día da Saúde Mental: Asignatura pendente
As persoas que asinamos este texto queremos reflexionar sobre a celebración, un ano máis, como cada dez de outubro, do día Mundial da Saúde Mental. Dende aquí queremos evidenciar a falta de recursos para a saúde mental, como queda reflexado que a falta de persoal sanitario desta especialidade é moi inferior á media europea. A alguén se lle ocorre un servizo de cardiovascular ou de oncoloxía funcionando case baixo mínimos? Ou dito doutro xeito, se cos medios actuais disfrutamos dun determinado nivel de saúde mental como sería este se contásemos con todos os profesionais precisos? Cremos que non hai nada peor para unha persoa con problemas de saúde mental que saberse tan pouco “aceptado” no sistema de saúde pública.
Tamén queremos salientar que o problema en Galicia, lonxe de solucionarse estase a incrementar, pois se o número de suicidios aumenta drásticamente, a día de hoxe é a primeira causa de morte non natural por riba dos accidentes de tráfico, como puxo de manifesto a Asociación de Investigación, Prevención e Intervención do Suicidio, con motivo do Día Mundial para a Prevención do Suicidio, non imos repetir as cifras dadas, en todo caso recomendamos o aceso á súa páxina web de cara a superar mitos encol deste tema: www.redaipis.org. Mais si queremos incidir no feito de que cando alguén se suicida significa que quedan unhas dez persoas sufrindo esa perda tan lamentable, por iso dicirmos que o problema lonxe de solucionarse agrándase.
Denunciamos dende aquí a falta de conciencia social, resúltanos chamativa a campaña de Dirección Xeneral de Tráfico, cando saíu o propio Ministro Rubalcaba explicándoa, na que se vía como chamaban a familiares de persoas mortas en accidentes de tráfico e a desolación dos familiares. Para cando unha campaña na que a Ministra de Sanidade e a Conselleira explique qué cara lles queda aos familiares e amigos que pasan por esta situación?
Tamén denunciamos publicamente o silencio que impera sobre este tema nos medios de comunicación, por iso instamos a estes a que reflictan o tema en toda súa dimensión médica, sociolóxica, humana, do estigma, das violencias que sofren, de interseccionalidade, etc.
Por iso as persoas que firmamos este texto facémolo para dar un exemplo de visibilidade, como xa se fixeron outros colectivos excluídos, sabendo da importancia da visibilidade como unha tarefa básica de cara a unha inclusión plena deste colectivo.tempos. Facémolo a día de hoxe co trasfondo das famosas crises, sinalando que as persoas con problemas de saúde mental levan cando menos trinta anos sobrevivindo nunha exclusión sistemática por non ser quen de ofrecer solucións máis alá de medicacións e hospitalizacións.
Non é compresible que disfrutemos das obras de Vicent van Gogh ,Virginia Woolf, ou Camille Claudel, quizais esquecendo como foron as súas vidas,e ao mesmo tempo estigmatizamos a todo o dez por cento da poboación galega por non ser quen de ofrecer un diálogo en pé de igualdade.
AUTORES: Carlos Varela e Isabel Lodeiro, Activistas sociais.