Debate tras a proxección de ‘Defiant lives’

O pasado 14 de marzo proxectouse en Compostela o documental Defiant Lives, un filme que presenta ante o espectador a loita silenciada de activistas a prol dos dereitos civís das persoas con diversidade funcional. O acto supuxo a estrea no estado español desta produción australiana, realizada en 2017.

A introdución correu a cargo de Margarita Ledo e Anxela López Leiceaga. O debate foi presentado e moderado por Quico Cadaval e contou coa participación de Xosé Cuns, José Antonio Nóvoa e Juan José Maraña.

O acto, organizado por VIgalicia, contou coa colaboración do Servizo de Participación e Integración Universitaria e o Grupo de Estudos audiovisuais da USC.

O filme, aínda que centrado nos Estados Unidos, Gran Bretaña e Australia, a día de hoxe é unha expresión globalmente válida da pugna vixente e incesante pola igualdade e a liberdade deste colectivo.

Rescatáronse para esta produción materiais videográficos inéditos de quen, desde a experiencia persoal como homes e mulleres reos do sistema institucionalizador, entenderon inmediatamente que a súa excarceración deixábaos ante novas frontes de loita. Alcanzar a independencia e o control sobre as súas vidas levou entón como agora a identificar retos políticos e culturais, socavar a profundidade e fortaleza dos alicerces que aínda sosteñen o pernicioso modelo médico-rehabilitador.

Defiant Lives é un documental apaixonado cuxos personaxes atopan en todos nós unha inmediata similitude con eses homes e mulleres da nosa cotianidade que en calquera enclave xeográfico e temporal aínda desafían con rebeldía os riscos de crear un mundo mellor e diferente para a liberdade das persoas coa diversidade funcional.