Cos deberes a medio facer

Tras a última prórroga da Xunta, o programa piloto de AP rematará o 1 de marzo sen cumprir as expectativas desexadas

A asistencia persoal (AP), concibida pola filosofía de vida independente como unha das ferramentas básicas para devolver a autonomía ás persoas con diversidade funcional (discapacidade), conta noutros países cunha larga traxectoria e forte implantación. O caso de Galicia é diferente, onde a pesar da existencia de voces individuais que levan traballando a prol da AP dende hai anos, esta aínda está a dar os seus primeiros pasos grazas ao proxecto piloto de AP da Xunta que inclúe a 30 usuarios de toda a comunidade. Dous anos despois do seu comezo, no camiño quedan indubidables beneficios pero tamén fortes críticas a un proxecto que non chegou a cumprir as expectativas postas nel.

Foi un cambio da noite para o día, que non do día para a noite, aclara Manuel, un dos usuarios deste programa inspirado no artigo 19 da Convención da ONU para as persoas con discapacidade, no cal se establece o dereito a unha vida independente para as persoas con diversidade funcional así como que se adopten as medidas necesarias que faciliten a plena inclusión destas persoas na comunidade. Manuel non o dubida ao enumerar os cambios que supuxo para el contar cun asistente no seu día a día: permíteche levantarte da cama, facer a túa propia vida ou estar coa xente. Sénteste capacitado e levántache a moral, e por iso asegura que agora vive “unha vida independente”.

Outro caso similar é o de Yago, de 27, para quen a AP representa a súa independencia en todos os sentidos: Independencia familiar, a nivel académico e a nivel social, explica este rapaz natural de Vilaxuste, en Portomarín. Os traballos que me levaban 15 días, fágoos na metade o que tamén repercutiu positivamente sobre os seus estudos. Pero Yago cre que a posibilidade de ter un asistente persoal supuxo sobre todo unha liberación para o seu irmán, de quen ata ese momento dependía para case todo.

Tamén este é o caso de Lolita, outra das seleccionadas para participar no programa piloto. O seu principal apoio son a súa familia e a súa nai, unha muller moi maior e achacada pola idade á que lle custa valerse por si mesma pero que debía estar pendente da súa filla as 24 horas do día. Sentíame unha persoa dependente, sen un futuro máis aló da miña cadeira de rodas, explica a propia Lolita. Por iso, contar cun asistente persoal di que lle cambiou a vida, e non só a ela, senón tamén á súa nai. O único que lamenta son as escasas 30 horas de asistencia das que dispón á semana , que non cobren nin domingos nin festivos .

Algúns contan co apoio da súa familia e amigos para esas horas sen asistencia, outros vense obrigados a espremer ao máximo as súas pequenas pensións e contratar a unha persoa, pero tamén hai os que carecen desas posibilidades e pasan o día na cama sen se poder erguer.

30 horas que hai que aproveitar ao máximo

Só hai que facer os cálculos: cinco horas ao día non son suficientes e hai que aproveitalas ao máximo, comenta Juan, tamén no programa, casado e con dúas fillas pequenas. Só durante as mañás xa case consumo todas as horas das que dispoño, e despois queda facer fronte ao resto do día. Admite que antes dependía de toda a familia e di que agora ten máis liberdade, unha idea na que todos os usuarios coinciden, a pesar de que esa liberdade ten un límite horario.

Así mesmo, a falta de AP durante as noites supón unha grande dificultade para moitos dos usuarios, como é o caso de David, estudante de 28 anos que cre que a AP é a mellor maneira de lograr a súa autonomía. Para el é precisamente durante estas horas cando maiores necesidades ten de asistencia, e por iso recoñece que non entendeu a razón destas novas condicións. Nun comezo, o programa consistía en 40 horas semanais, que incluían tamén as noites, pero finalmente quedaron reducidas a 30, só en horario diúrno.

É precisamente isto unha das cuestións que máis preocupa a Elsa, cun fillo de 12 anos, e que viu como as súas horas de asistencia se viron recortadas de xeito drástico hai un ano. A pesar de que no seu caso as horas nocturnas non son vitais, si sinala que foi un cambio brusco, tanto para ela como para a súa asistente, porque as horas redúcense, pero o traballo segue a ser o mesmo.

Fin do programa piloto

Tras unha última prórroga, o vindeiro 1 de marzo o programa piloto verá a súa fin. A partir deste intre Cogami deixará de ser a responsable da xestión da AP e serán os propios usuarios os que decidan entre contratar a autónomos ou a unha empresa de servizos sociais, como ata agora o fixo Cogami, para que se ocupe da xestión.

Entre os usuarios hai afíns e detractores a ambas posibilidades, incluso quen opina que o servizo debería estar directamente xestionado pola Xunta, e non por outras empresas xa que os 1300 euros da axuda perderíanse entre os intermediarios, algo similar ao que ocorre agora. O programa está colgado por fíos, di Juan, quen cre que non hai unha verdadeira interese en que este continúe, porque se así fose, a propia Xunta sería a xestora, evitando os intermediarios e as axudas darían para bastantes máis horas.

O debate está aberto xa que ningunha das opcións parece satisfacer totalmente as necesidades dos beneficiarios. Pola súa banda, a Xunta, lonxe de atender ao éxito acadado noutros proxectos similares como o da Oficina de Vida Independente (OVI) de Madrid ou a de Barcelona, prefire deixar os deberes a medio facer.