Carta á presidenta do parlamento de Galicia

Estimada Sra. Pilar Rojo Noguera, Presidenta do Parlamento de Galicia:

Poñémonos en contacto con vostede dende a Asociación Asistencia Persoal para a Vida Independente de Galicia, VIgalicia, a raíz da nova aparecida nos medios de comunicación ao longo destes últimos días na que vostede: poñía o Parlamento de Galicia á disposición das persoas con discapacidade da nosa Comunidade Autónoma.

Este ofrecemento fainos albergar as esperanzas de retomar con vostede a cuestión da implantación en Galicia dun servizo de Asistencia Persoal e Asistencia Tecnolóxica que garanta a igualdade de oportunidades e o goce de todos os dereitos fundamentais das persoas con diversidade funcional (discapacidade) da nosa comunidade.

Dita implantación xa fora apoiada e aprobada polo Parlamento Galego cando todos os grupos con representación parlamentaria impulsaron, seguindo unha proposta de VIgalicia, a Proposición non de lei para a implantación dun servizo de asistencia persoal e de asistencia tecnolóxica para persoas con diversidade funcional (DIARIO DE SESIÓNS DO PARLAMENTO DE GALICIA – Número 72, VII lexislatura, Serie Pleno – Sesión plenaria – 14 de febreiro de 2007).

Dita Proposición non de Lei estaba destinada ser o punto de partida dun Sistema Galego de Asistencia Persoal que, inspirado nos fundamentos do Movemento de Vida Independente e en consonancia co establecido na Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, dotase ás persoas con diversidade funcional dunha ferramenta social que nos permitise ter capacidade de empoderamento e nos igualase co resto da sociedade no que á participación social e a respecto dos nosos dereitos fundamentais se refire.

Co paso do tempo, este Proxecto Piloto de Asistencia Persoal foise afastando do Modelo Social da Convención e dos criterios de Vida Independente para converterse nun desvalorizado programa asistencial baseado en anticuadas posturas propias dun modelo médico-rehabilitador, que inicialmente só proporcionaba 40 horas de asistencia á semana e, no momento actual, decaeu ata as 30 horas semanais.

Ademais, a xestión de dito proxecto adoitou actitudes certamente intrusivas na vida privada das persoas, botando por terra a idea de independencia e empoderamento que impregnaba o proxecto inicialmente aprobado polo Parlamento de Galicia.

Por todas estas razóns, dende VIgalicia queremos reiterarlle a nosa petición de reunirnos con vostede, como xa fixemos o pasado mes de abril, para poder tratar esta cuestión e para poñernos a súa disposición á hora de traballar a prol da construción de ferramentas sociais para a plena igualdade de oportunidades e para evitar a discriminación das persoas con diversidade funcional en Galicia.

Sen outro particular, reciba un respectuoso saúdo.

Atentamente,

José Antonio Nóvoa Romay, Presidente de VIgalicia