Características do paradigma da Vida Independente
A primeira intervención correu a cargo de Juan José Maraña membro tanto de VIgalicia como do Foro de Vida Independente. Maraña fixo un repaso á evolución histórica da situación das persoas con diversidade funcional dentro da sociedade ata o nacemento e difusión do modelo de Vida Independente. En palabras de Maraña este repaso é necesario xa que: se sabemos onde estamos, trabucarémonos menos
.
Para Maraña: o movemento de Vida Independente e a sociedade están desconectados xa que, ata este momento actual, a historia da humanidade considerou ás persoas con diversidade funcional máis como un produto do sistema no canto de ser vistos como cidadáns: somos un negocio (pasamos de fenómeno social a fenómeno de mercado) o mesmo que boa parte das nosas organizacións que pasaron de ser organizacións de defensa de dereitos civís a corporacións empresariais con financiamento público
.
A razón da non consideración das persoas con diversidade funcional dentro do sistema capitalista no que operamos todos hoxe en día é o traballo. O traballo é o que nos dá un valor dentro do sistema, vales segundo en que traballes e como traballes e como unha maioría de persoas con diversidade funcional non operan a través deste sistema capitalista, a sociedade venos como só como demandantes de necesidades.
Fronte a esta concepción na que o sistema nos ve como un problema que pode ser aproveitado dende un punto de vista económico, xurde a visión contraposta, baseada no materialismo, facendo diferenciación entre as condicións biomecánicas que eu presente, e as consecuencias que conleven ditas condicións. Dito de outro modo a diversidade funcional é unha consecuencia do sistema
.
Segundo Juan José Maraña: o propio sistema é o que xera a diversidade funcional xa que é este mesmo sistema o que establece os parámetros de normalidade e, polo tanto, o que indica cales son os elementos do sistema que non son normais. Vésenos como o estado imperfecto do ser humano
. En base a esta concepción xorden moitas teorías que desvalorizan a condición social, avogando incluso pola eliminación das persoas con diversidade funcional ignorando intencionalmente que as persoas con diversidade funcional forman parte da evolución do ser humano, que a diversidade funcional é unha condición inherente á especie, forma parte indisoluble dela, aínda que afastada da construción das sociedades modernas e do modelo produtivo.
O que realmente se teme da diversidade funcional, máis aló da dor, do dano físico, non é a diversidade en si senón as consecuencias desta. A sociedade capitalista, establecida sobre uns parámetros de estrita rendibilidade produtiva, exclúe automaticamente aos que deixan de responder ao seu canon. O sistema social non só se sustenta nos mecanismos produtivos sobre os que se constrúe a nosa exclusión, senón que xera una ideoloxía, un acervo cultural complexo, que perpetúa ao sistema e con el a nosa opresión. A ollos da sociedade somos a moeda de cambio da expresión do mal no máis estrito sentido relixioso: estás así porque deus o quixo,… o castigo divino
. Paralelamente ó xurdimento dunha diversidade funcional nun individuo, os seus dereitos civís, derrubaranse de inmediato. Está fora do sistema e deberá demostrar e xustificar a demanda de cada un dos seus dereitos de xeito que nunca lle será solicitado aos que seguen dentro da máquina do sistema produtivo.
Dentro deste parámetro da normalidade, apoiado pola cultura xudeo-cristiá, é onde se instaura o modelo médico-rehabilitador que se mantén ata os nosos días: temos que repararte porque non podes estar así, ou sexa, fora da normalidade
.
Paralelamente a isto, nos anos sesenta empezan a xurdir voces que avogan por a normalización das persoas con diversidade funcional como membros do sistema para o cal é necesario que estes se integren no mesmo como membros de pleno dereito. O nacemento destas ideas coincide coa loita en favor dos dereitos civís das minorías étnicas nos EEUU, os cambios no sistema das institucións sanitarias estadounidenses, a axitación social e ideolóxica en Europa, os movementos de liberación en Sudáfrica e América latina…
Ideas como a desmedicalización, o apoio entre iguais, a autodeterminación e control da propia vida, o illamento da acción dos profesionais en aspectos que coartan a independencia e liberdade do individuo, xorden e van configurándose tanto dende a colectividade de persoas con diversidade funcional como dende sectores académicos e profesionais afines.
Da unión de todos estes conceptos xurde o ideario de Vida Independente que ten como pedra angular o dereito de autodeterminación das persoas con diversidade funcional: o individuo como xestor da súa propia vida. Rómpese así co papel xestor do profesional para darlle o mando da súa propia vida á persoa. Esta é unha cuestión que emana dos máis básicos dereitos humanos
.