Anxela López acompañada do alumnado do CIFP Félix Muriel de Rianxo

Asistencia Persoal no CIFP Félix Muriel de Rianxo

O pasado 14 de Novembro, o alumnado de atención ás persoas en situación de dependencia do CIFP Félix Muriel contou novamente coa presenza de Anxela López.

Comezou falando da importancia de entender e comprender a utilidade e as funcións da figura do Asistente Persoal que emana da filosofía de vida independente encadrada dentro do paradigma dos dereitos humanos que, en contraposición co modelo médico, obriga a recoñecernos como parte da diversidade humana, como suxeitos titulares de dereitos, mudando esa mirada de compaixón e tratamento paciente/obxecto que se lles da ás persoas con diversidade funcional.

Incidiuse en que a Asistencia Persoal non é un servizo asistencial, se non un instrumento para a igualdade de oportunidades e a vida independente, polo tanto non organiza as tarefas, simplemente, segue as indicacións da persoa con diversidade funcional.

Salientouse que a esencia da vida independente é poder vivir en liberdade, fóra das institucións, tomando as nosas propias decisións e levando a cabo o noso plan de vida, coa Asistencia Persoal que sexa necesaria, da cordo co artigo 19 da Convención ONU e as directrices marcadas na observación nº 5 (2017) da ONU, onde se establece que o usuario/garante, teña o control e a capacidade para elixir quen, cando, onde e como te prestan o apoio que precises.

En referencia ao disposto no acordo interterritorial do SAAD do 24 de Maio de 2023 sobre as condicións específicas de acceso á AP, resaltouse que a formación do Asistente Persoal debe partir da propia persoa e, en todo caso, debe ser básica e sempre posterior a contratación, complementaria si se desexa, mais nunca obrigatoria.

Antes do participativo coloquio, onde se suscitaron diversas cuestións, destacando a relacionada coa figura do garante no caso da diversidade funcional intelectual, interveu brevemente, por petición do alumnado e a docencia, o seu Asistente Persoal; aclarando o rol que desempeña como traballador, que nada ten que ver co traballo nunha residencia/centro de día, nin o de coidados no entorno familiar nin tampouco co servizo de axuda a domicilio.