Anxela López co alumnado do CIFP Portovello

Asistencia Persoal: inclusión e vida digna, no CIFP Portovello

Como cada mes de novembro, Anxela López, volveu ao CIFP Portovello para falar de vida Independente, Asistencia Persoal, accesibilidade universal e espazos inclusivos como dereitos humanos ineludibles para estar presentes e participar dignamente na sociedade como calquera cidadán.

Lamentou que se siga fomentando a institucionalización das persoas, obviando o mandato da ONU e creando novos centros residencias fronte a unha vida digna dentro na comunidade. A vida independente nunca se vai poder garantir nunha residencia.

Lembrou un parágrafo da observación xeral nº 5 da ONU, que interpreta o artigo 19 da Convención sobre o dereito a unha vida independente e a inclusión na comunidade:

Respectar os dereitos das persoas con discapacidade contemplados no artigo 19 significa que os Estados partes deben eliminar a institucionalización. Non poden construír novas institucións nin poden renovar as antigas máis aló das medidas urxentes necesarias para salvagardar a seguridade física dos residentes. Non deben ampliarse as institucións, non deben entrar novos residentes cando outros as abandonen e non deben establecerse sistemas de vida ?satélite? que son unha ramificación das institucións, é dicir, que teñen a aparencia dunha forma de vida individual (apartamentos ou vivendas individuais) pero que gravitan ao redor das institucións.

Destacou os continuos avances no proxecto de apoio á Vida Independente creado en Lisboa en 2015, regulado a través dun Decreto-Lei fronte a paralización da mellora da Asistencia Persoal en Galicia. Visualizouse un vídeo do proxecto piloto da Asistencia Persoal en Portugal.

Insistiu na necesidade de visibilizar as persoas con diversidade funcional en actividades cotiás, con roles diversos: avogadas, sexólogas, amantes, empresarias, mestras, actrices… como unha medida fundamental para cambiar o imaxinario da diversidade funcional e provocar unha transformación nas políticas públicas que seguen encadrándonos dentro dos servizos sociais.

Fixo referencia á reportaxe do diario.es publicado 6/11/2022 El cine omite los cuerpos diversos: “No accedemos a escenas de sexo porque nadie se enamora de la gorda”.

Aclarou que nesta reportaxe pódese ver claramente, a nivel cultural, a discriminación e os estereotipos sociais das persoas que non cumpren cos estándares medios e as súas similitudes coas demandas da diversidade funcional, a maior diferencia maior discriminación. Aproveitou para reivindicar a figura do Asistente sexual.

Apelou ao compromiso que temos como sociedade no cambio de paradigma, todas estamos sometidas ao imperio da Lei (a cidadanía en xeral, as entidades sociais e culturais, os medios de comunicación, os representantes do pobo, gobernantes…. polo tanto todas estamos obrigadas a cumprir e facer cumprir os dereitos humanos de toda a diversidade humana.

No coloquio tratáronse temas relacionado coa asistencia sexual, formación, convenio de axuda a domicilio, horas de asistencia persoal.