Asistentes sostendo unha pancarta

As persoas con diversidade funcional fanse visibles en madrid en defensa dos dereitos humanos

VIgalicia estivo moi presente nesta xornada na que se reclamaron os recursos necesarios para que as persoas con diversidade funcional poidan acceder a unha vida independente.

O pasado 13 de setembro as rúas de Madrid foron o escenario da II Marcha pola Visibilidade da Diversidade Funcional. En torno ás 1.300 persoas, moitas delas con diversidade funcional, abarrotaron o traxecto entre a Praza de Jacinto Benavente e a rúa de Atocha, nun ambiente festivo e de celebración. O obxectivo fundamental de dita marcha foi o de acadar a visibilidade do noso colectivo, tradicionalmente aparcado nos fogares e as esquinas remotas da sociedade e a promoción da conciencia social de que a diversidade funcional é unha cuestión de Dereitos Humanos, tal e como se establece na Convención da ONU que entrou en vigor maio de 2008.

Pancarta reivindicativa

Esta iniciativa foi organizada e promovida polo Foro de Vida Independente co apoio de diversas entidades, entre elas VIgalicia. O Foro de Vida Independente é una agrupación cidadá de máis de 750 persoas que loitan contra a discriminación e pola igualdade de oportunidades das persoas con diversidade funcional.

As actividades deron comezo ás 12:00 na Praza de Jacinto Benavente na que se interpretaron diversas accións que representaban as experiencias vitais das persoas con diversidade funcional, no tocante á vulneración sistemática dos seus dereitos humanos e ao entorno discriminatorio no que viven.

Antonio Novoa durante a performance

Nunha destas accións o presidente de VIgalicia e membro do Foro de Vida Independente, José Antonio Novoa, realizou unha performance que sinalaba a espiral expansiva da vida vencendo a contraespiral opresiva do minusvalidismo de burocracia e de atrancos cos que se atopan as persoas con diversidade funcional e que, ao final, nos converten en reos das gaiolas e labirintos de papeis e da falla de dereitos humanos e a imposibilidade de levar una vida independente e activa dentro da sociedade.

Ás 18:00 horas, deu comezo unha multitudinaria concentración na que se deron cita persoas e entidades representantes da diversidade funcional procedentes de toda España (a representación galega foi unha das máis numerosas).

Desenvolvemento da marcha

Entre as persoas asistentes atopábanse persoas con diversidades funcionais de todo tipo (físicas, intelectuais, sensoriais, mentais,…) así como o entorno de todas estas persoas xa sexan familiares, amigos,… demostrando así que a cuestión dos dereitos humanos das persoas con diversidade funcional non é só unha cuestión que lles afecte a estas senón que compete a toda a sociedade.

Durante todo o percorrido pola Rúa de Atocha quedou patente o lema da marcha deste ano que non era outro que ¡DEREITOS HUMANOS, XA!.

Pancarta reivindicativa

Ao remate da marcha deuse lectura a un manifesto no que se insistiu na necesidade de cumprir os preceptos da Convencion da ONU polos Dereitos das Persoas con Discapacidade e se avogou pola necesidade de ter os recursos materiais e humanos necesarios para poder ter unha vida independente de pleno dereito.

Así rematou unha xornada de reivindicación festiva que foi un éxito no que a participación se refire xa que se reuniron un número de persoas con diversidade superior ao de fai un ano, moitas delas en situación de dependencia, e na que se deixou clara a reivindicación de todas as persoas con diversidade funcional: ¡DEREITOS HUMANOS, XA!.