Membros da plataforma pechados nunha gaiola

Aclaracións da plataforma ante as informacións aparecidas en prensa o día 27

A Plataforma de Usuarios e Usuarias do Proxecto Piloto de Asistencia Persoal, ante as informacións aparecidas en prensa o día 27 de setembro de 2008, quere manifestar as seguintes aclaracións:

  1. É certo que a FUNGA se puxo en contacto con algúns dos usuarios do devandito Proxecto Piloto para informar da prolongación, por espazo de un ou dous meses, das condicións do mesmo. Aínda así en ningún momento se garante que, ao final deste período, se lle de unha solución á situación de incertidume á que se ven sometidas estas persoas e se manteñan as condicións establecidas no proxecto.
  2. A Plataforma de Usuarios e Usuarias do Proxecto Piloto de Asistencia Persoal quere desautorizar a calquera persoa ou entidade (COGAMI) que pretenda erixirse en portavoz dos usuarios e negociar sobre as nosas necesidades. Só nós sabemos cales son as nosas demandas e só nós somos quen de gobernar as nosas vidas. Por eso é con nós con quen ten que falar a Vicepresidencia.
  3. A plataforma segue a esperar unha resposta por parte da Vicepresidencia da Xunta de Galicia á carta remitida o pasado xoves 25 de setembro pedindo unha entrevista co Vicepresidente para poder analizar a situación e atopar unha solución que non comprometa a nosa igualdade de oportunidades e nos permita unha vida digna.

Agradeceremos moito que se fagan eco da posición aquí exposta, respecto á situación das 30 persoas con diversidade funcional en situación de dependencia que compoñen esta plataforma de persoas que precisan de asistencia persoal para vivir.