Membros de VIgalicia momentos antes da reunión

A Presidenta do Parlamento reúnese con representantes do Movemento de Vida Independente de Galicia

O pasado 22 de xullo a Presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, mantivo unha reunión con representantes da Asociación Asistencia Persoal para a Vida Independente Galicia,VIgalicia.

Dita reunión, na que se puxo de manifesto a predisposición da Presidenta de traballar en favor dos dereitos das persoas con diversidade funcional, serviu para que os membros de VIgalicia lle entregasen á Presidenta un exemplar da Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidadee para solicitarlle a aplicación desta Convención na nosa comunidade xa que dende maio do ano pasado, a Convención ten rango de lei de obrigado cumprimento polos Estados que a asinaron, entre eles, o español.

A este respecto a presidenta asegurou que o Parlamento fará todo o posible por garantir unha aplicación efectiva da Convención e deixou claro que os dereitos das persoas teñen prioridade por diante dos intereses colectivos.

Precisamente á hora de tratar sobre os dereitos das persoas con diversidade funcional, falouse acerca do Proxecto Piloto de Asistencia Persoal e Tecnolóxica, que se puxo en marcha a partir dunha Proposición non de Lei aprobada, no ano 2007, polo propio Parlamento de Galicia. Esta proposición non de lei está baseada na filosofía de Vida Independente.

Posteriormente, este proxecto desvirtuouse ata converterse nun desvalorizado programa asistencial baseado en anticuadas posturas propias dun modelo médico-rehabilitador afastándose, así, do modelo de Vida Independente promovido polo Parlamento en dita Proposición non de Lei e polo artigo 19 da propia Convención da ONU da que estamos afalar.

Pilar Rojo asegurou que o Parlamento traballará para que o Proxecto de Asistencia Persoal se axuste ao que se aprobou en 2007 e agradeceu a VIgalicia o feito de confiar nesta cámara para por en marcha unha ferramenta social como é a asistencia persoal.