A institucionalización como unha forma de Violencia
O 24 de Novembro, tivo lugar a charla anual sobre Vida Independente e Asistencia Persoal no CIFP Portovello en Ourense.
Anxela López, resaltou a importancia do acercamento dos profesionais á filosofía da vida Independente coma un aliado máis no cambio de percepción das persoas con diversidade funcional, baseado no paradigma dos dereitos humanos. Insistiu en que debemos superar esas crenzas sociais propias do modelo médico, que dan por feito que precisar de apoios para a realización das actividades cotiás xa te convirte nunha carga para o teu entorno familiar e de amizades, cunha única saída: á institucionalización ou a morte digna.
Informou da preocupación do Comité, en relación a situación de especial vulnerabilidade a que se expoñen as persoas que están institucionalizadas, sobre todo as mulleres por falta de alternativas:
- Que as mulleres con diversidade funcional se enfronten a formas múltiples de discriminación polo seu xénero e a súa diversidade funcional, e que poidan estar expostas ao risco de violencia de xénero;
- “Que as políticas públicas da diversidade funcional e de igualdade de xénero, respectivamente, non contemplen medidas para combater a discriminación múltiple e a discriminación interseccional das mulleres con diversidade funcional.”
- Que as persoas con diversidade funcional que residen aínda en residencias, e en particular as mulleres con diversidade intelectual ou psicosocial, estean expostas a maior risco de humillación, abuso e violencia, incluída a violencia sexual”.
Lembrou de novo a loita do Movemento de Vida Independente, cuestionando o Estatu Quo, co fin de liberar ás persoas da dependencia familiar, das institucións, do illamento e da segregación, logrando un dereito á Vida Independente e a inclusión comunitaria na convención da ONU. Lamentou, asemade, que dende o 3 Maio do 2008, momento en que asumimos a obriga de garantir este dereito, no Estado e en Galicia, seguimos sen poder celebrar o seu cumprimento.
Subliñou que a Vida Independente só se garante cunha Asistencia Persoal digna que cubra todos os ámbitos vitais, incluíndo a Asistencia Sexual, como un dereito humano máis, no eido da sexualidade, e que as infraestruturas se acomoden ao deseño universal e se fagan os axustes que sexan necesarios, en cada caso, para poder participar na sociedade sen discriminación, con dignidade e autonomía.
Remata a intervención cunha frase de Rosa Parks:
“Nunca subestimes o poder dun pequeno acto; pode marcar a diferenza na vida dunha persoa”.
