A asistencia persoal, garantía de vida independente
En marzo de 2007, o Parlamento Galego aprobou unha proposición non de lei para a implantación dun servizo de asistencia persoal e tecnolóxica para as persoas con diversidade funcional (discapacidade) neste país. Mais, o que semellou ser un primeiro paso cara o recoñecemento dos dereitos plenos das persoas con diversidade, quedou finalmente reducido a un mermado programa piloto no que non se acadaron ningún dos obxectivos programados.
Co gallo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, dende a organización VIgalicia queremos chamar a atención sobre a situación anquilosada na que as persoas con diversidade funcional se atopan neste país e insistimos na necesidade dunha clara vontade política que garanta os nosos dereitos. Hai que reaccionar contra as causas da estadística que di que sete de cada dez persoas con diversidade funcional en situación de dependencia non se relacionan máis que cos seus coidadores.
Non esiximos nada do que non sexamos lexitimamente donos, tan só o cumprimento do artigo 19 da Convención das Nacións Unidas sobre os dereitos das persoas con diversidade funcional, ratificado polo Goberno Español, onde se establece o dereito á vida independente, vivir en igualdade de condicións e a que se adopten as medidas efectivas e pertinentes necesarias que faciliten a nosa plena inclusión na comunicade.
Por esta razón solicitamos aos poderes públicos un Servizo de Asistencia Persoal sen limitacións horarias e adaptado ás necesidades de cada persoa, un sistema que garanta a nosa autonomía, similar ao que xa se está a desenvolver noutros países de Europa, e incluso de España. Un sistema que ademais, é unha alternativa máis humana e económica que os centros e residencias e permite ás persoas vivir nas súas comunidades, lonxe dos ambientes institucionalizados onde se coarta a liberdade das persoas ao separalas da sociedade..
Dende VIgalicia, demandamos finalmente o compromiso das institucións galegas para traballar a prol do empoderamento das persoas con diversidade funcional, e se favorezan os procesos de fortalecemento e autodeterminación dos mesmos. Avogamos por unha filosofía de vida independente, onde as persoas con diversidade funcional se convertan nos donos das súas propias vidas, autónomas e con plenos dereitos, igual que calquera cidadán.
As institucións galegas teñen a responsabilidade de elexir entre perder unha xeración máis de vidas roubadas ou dar valor ás vidas das persoas con diversidade funcional que queren vivir en igualdade.
José Antonio Nóvoa VIgalicia / European Network on Independent Living