Público asistente ao acto

Xornadas acerca da Convención da ONU sobre os dereitos das persoas con discapacidade na Coruña

O Salón de Grao da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña acolleu os pasados 2 e 3 de abril as Xornadas acerca da Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade que organizou a Asociación Asistencia Persoal para a Vida Independente, VIgalicia, xunto co Foro de Vida Independiente.

Na celebración deste evento foi determinante a colaboración do Decanato da Facultade de Dereito da UDC, así como do Centro de Formación Tomás Barros que prestou de xeito gratuíto o servizo de intérpretes en lingua de signos (ILS) para que todas as persoas presentes puidesen comprender o contido das xornadas.

Na mañá do día 2, a xornada inaugurouse coa intervención do Presidente de VIgalicia e membro do Foro de Vida Independiente, José Antonio Nóvoa. Este activista dos dereitos humanos destacou que: “a Convención non trae dereitos novos, simplemente pon sobre a mesa que todas as persoas temos dereitos humanos e hai que facelos posibles. Este tratado internacional busca dar visibilidade aos dereitos de miles de persoas. Debemos deixar de ser un colectivo que espera beneficencia para pasar a ser unha minoría social que reclama dereitos”.

En palabras do Presidente de VIgalicia: existen costumes que se converten en leis, pero esperamos que a Convención sexa unha lei que crea novas costumes. Hai que desterrar o minusvalidismo, ou sexa, as actitudes que restan poder ás persoas con diversidade funcional converténdoas en obxectos, creando cidadanía real para todos.

Adela Rey

A seguinte en intervir foi a Profesora de Dereito internacional Público da UDC, Adela Rey que falou sobre: A Convención da ONU.

O primeiro punto que destacou a Profesora Rey foi o feito que que: en leis anteriores as persoas con diversidade funcional eran vistas como un problema que resolver, pola contra, na Convención estas persoas son tratadas como suxeitos de pleno dereito e isto é un paso fundamental. Segundo Adela Rey: a Convención non crea dereitos humanos novos pero si consolida dereitos humanos xa existentes. Cúmprese coa Convención o lema do Foro de Vida Independiente; NADA PARA NÓS SIN NÓS.

José Antonio Seoane, profesor de Filosofía do Dereito da UDC

Tras Adela Rey tomou a palabra José Antonio Seoane, Profesor de Filosofía do Dereito da UDC quen falou sobre: A Convención e o Dereito español.

O profesor Seoane fixo un repaso das leis promulgadas en España dirixidas ás persoas con diversidade funcional: a LISMI buscaba a protección do minusválido, a LIONDAU tiña por obxecto garantir a igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade, na LEPA o obxectivo é, na teoría, a autonomía persoal e coa Convención o que se busca é o recoñecemento social das persoas con diversidade funcional.

Seoane destacou que: é fundamental entrar no sistema de dereitos xa que este atende ao sustantivo, ás persoas.

Como remate á súa a alocución, o profesor declarou que: é triste que en pleno 2006 se tivese que asinar unha convención para garantir os dereitos das persoas con discapacidade, iso di moi pouco da nosa sociedade.

Na tarde do día 2, a xornada comezou cos Testemuños dende a experiencia de Esther Cuadrado e Manuel Garcia, pais de nenos con diagnóstico do trastorno Autista que foron presentados polo membro do Foro de Vida Independiente e de VIgalicia, Juan José Maraña.

Esther Cuadrado falou do caso do seu fillo Arturo e avogou por un maior acceso a sistemas aumentativos de comunicación xa que: sen comunicación é imposible ter acceso a unha educación de calidade para a cal tamén é fundamental que dispoñan dunha serie de apoios nas aulas. Esther quixo facer mención a unhas xornadas celebradas recentemente na Facultade de Ciencias da Educación da UDC na que se: utilizou como sinónimo de autismo o retraso mental e donde se utilizaron enfoques máis propios de épocas pasadas.

Pola súa banda, Manolo García falou do seu fillo David e inclinouse polos centros ordinarios de educación en lugar dos específicos xa que: “a sociedade non é específica”.

A seguinte intervención correu a cargo dos membros de VIgalicia e do Foro de Vida Independiente, Anxela López e Kiko Fernández que fixeron un repaso ao modelo de vida independente, contrapoñendo ao modelo médico-rehabilitador, e á figura do asistente persoal.

Unha das principais diferenzas é o feito de que namentres o modelo médico- rehabilitador busca curar á persoa con diversidade funcional, o modelo de vida independente busca a súa calidade de vida.

O día 2 rematou coa intervención de Adolfo López e Anabel Castiñeira membros de VIgalicia e do Foro de Vida Independiente que relataron as súas experiencias vitais entorno a súa diversidade funcional.

Para Adolfo López: dende que tiven o accidente case perdo unha filla para convertela na miña asistente persoal, por iso a chegada do proxecto piloto permitiume gañar autonomía e recuperar á miña filla.

Pola súa banda Anabel castiñeira explicou o seu periplo dende un centro residencial no que estivo internada durante 20 anos ata a vida independente que ten hoxe en día e fixo un chamamento a todos os pais de persoas con diversidade funcional: para que teñan máis valor do que tiveron os meus pais ao optar polo internamento.

Ricardo Ron e Marta Núñez
Na mañá do día 3 abriron a Xornada Ricardo Ron, Profesor de Dereito do Traballo e a Seguridade Social da UDC, e Marta Núñez, membro do grupo Dereito-Atención á diversidade da UDC. O profesor Ron destacou que, en materia laboral, a Convención non leva á normativa española moito máis alá, pero hai que levar o papel á realidade.

Pola súa banda, Marta Núñez apuntou que: a nivel educativo a lei española, ben interpretada, está ao nivel de Convención, pero este tratado poder axudar a que estas leis se fagan efectivas.

A seguinte intervención correu a cargo de Josefina Iglesias e José Enrique Corredoira que a través de Testemuños dende a experiencia contaron a súa situación coa Lei de Autonomía Persoal (LEPA).

Corredoira é un avogado coruñés que presentou ante a Xunta un Recurso Contencioso Administrativo pola mala aplicación da LEPA no caso da súa filla con diversidade funcional. Para José Enrique: detrás de todo isto hai un problema de diñeiro, xa que as administracións buscan un rédito político en todas as súas accións e as persoas con diversidade funcional, non semellamos rendibles.

Pola súa banda, Josefina Iglesias, nai e avoa de tres persoas con diversidade funcional en situación de dependencia, explicou o abandono ao que se ve abocada por parte das administracións e reclamou maior presión por parte de toda a sociedade para facer cumprir as leis.

As xornadas pecháronse coa intervención de Alejandro Rodríguez Picavea, membro do Foro de Vida Independiente. Picavea falou do novo modelo da diversidade: un modelo que prima a dignidade das persoas sobre a súa capacidade e a diversidade sobre a normalidade. Así mesmo destacou que: o modelo que vida independente chegou tarde a España porque as persoas con Diversidade nos pensábamos cidadáns de segunda.

Alejandro sinalou a importancia da entrada en vigor da Convención e recalcou que: no seu artigo 19 está a clave da igualdade de oportunidades.

Con esta intervención remataron estas xornadas que esperamos que teñan continuidade noutros puntos de Galicia.