Preámbulo

A “Constitución Española” de 1978, no Artigo 49 referíndose ás Persoas con Discapacidade, ordena aos poderes públicos que presten a atención especializada que requiran e o amparo especial para o disfrute dos seus dereitos.

Así mesmo, a “Carta de dereitos fundamentais da Unión Europea” prohibe toda discriminación, e en particular a exercida por motivos de Discapacidade (Artigo 21), determinando que as persoas discapacitadas teñen dereito a beneficiarse de medidas que garanten a súa autonomía, a súa integración social e profesional e a súa participación na vida da comunidade.

As “Normas Uniformes de Nacións Unidas para a Igualdade de Oportunidades das Persoas con Diversidade Funcional”, adoptadas na Asemblea Xeral de 20 de decembro de 1993, levan implícito o firme compromiso moral e político dos Estados de adoptar medidas para lograr a igualdade de oportunidades. Determinando que os Estados deben apoiar a elaboración e a dispoñibilidade de programas de asistencia persoal, especialmente para as Persoas con Discapacidades graves ou múltiples, coa finalidade de aumentar o grado de participación das Persoas con Discapacidade na vida cotiá no fogar, no traballo, na escola e durante o tempo libre. Precisando que os programas de Asistencia Persoal deben concibirse de forma que as Persoas con Diversidade Funcional que os utilicen exerzan unha influencia decisiva na maneira de executar ditos programas (Artigo 4).

O Estatuto de Galicia establece que a Comunidade Autónoma asume como tarefa principal a promoción da solidariedade entre todos cantos integran o pobo galego (Artigo 1), dispoñendo que recae sobre os poderes públicos de Galicia a obriga de promove-las condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos no se integran sexan reais e efectivas, removendo os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitando a participación de tódolos galegos na vida política, económica, cultural e social (Artigo 4), correspondendo á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de Asistencia social (Artigo 27).

A “Lei de igualdade de oportunidades e non discriminación e accesibilidade universal das Persoas con Discapacidade” de 2003 (LIONDAU) afirma que “enténdese por Vida Independente a situación na que a persoa con Diversidade Funcional exerce o poder de decisión sobre a súa propia existencia e participa activamente na vida da súa comunidade, conforme ao dereito ao libre desenvolvemento da personalidade”.

A LIONDAU, recoñece o dereito a unha «Vida Independente», expresando o dereito a unha participación máis activa de persoas con limitacións funcionais severas na comunidade sobre unhas bases novas: como cidadás titulares de dereitos; suxeitos activos que exercen o dereito a tomar decisións sobre a súa propia existencia e non meros pacientes ou beneficiarios de decisións alleas; como persoas que teñen especiais dificultades para satisfacer unhas necesidades que son normais, máis que persoas especiais con necesidades diferentes ao resto dos seus concidadás.

Para que o individuo con necesidade de apoios poida desenvolver unha vida plena en igualdade de oportunidades dentro da súa comunidade, deberá dispoñer da posibilidade de participación na autoxestión da atención e dos recursos que precisa.

Dentro do marco social e cultural que aquí se describe, existen persoas que tentamos de superar a concepción da persoa con Discapacidade como un obxecto pasivo, simple receptor de coidados e de decisións de instancias alleas, proporcionándolle capacidade real para elixir e xestionar sobre súas necesidades de apoios, dentro dun catálogo de asistencias amplo e flexible que lle posibiliten a práctica da cidadanía acorde ao seu plan de vida, en desenvolvemento da súa liberdade individual.

O desenvolvemento dun papel máis activo e o exercicio da libertade individual importa significativamente á denominación do colectivo de Persoas con Discapacidade, ao cal pertencemos os promotores desta Asociación, que preferimos referirnos a nós mesmos como mulleres e homes con diversidade funcional, xa que entendemos que é primeira denominación na historia na cal non se da un carácter negativo nin médico á visión dunha realidade humana, poñendo énfase na diferencia ou diversidade, valores que enriquecen ao mundo no cal vivimos. De tal maneira que, nestes estatutos e de aquí en diante, falaremos de Persoas con Diversidade Funcional como aquelas persoas que funcionan dunha maneira diferente nas súas relacións co entorno social e material, a causa dunha limitación funcional ou outra diversidade de orde biolóxica, utilizando este termo en lugar do anteriormente utilizado de Persoas con Discapacidade.

O medio para favorecer a participación plena e a Vida Independente das Persoas con Diversidade Funcional conforme ao seu plan de vida elixido basease no Servizo de Asistencia Persoal , cuxo obxectivo é proporcionar unha asistencia suficiente para desenvolver o plan de vida individual de forma autoxestionada, posibilitando permanecer no domicilio e entorno social elixidos e poder desenvolver unha Vida Independente de acordo coas súas posibilidades, que abranguerá tanto a atención ás necesidades domésticas e as axudas específicas da vida diaria, como as necesidades relativas á educación e formación, emprego, rehabilitación, ocio e lecer, sexualidade,maternidade ,etc.

Neste contexto, o Asistente Persoal é aquela persoa que realiza ou axuda a realizar as tarefas básicas, instrumentais ou calesqueira outras da vida cotiá, a unha persoa con Diversidade Funcional que non pode realizalas por sí mesma, dentro dunha relación regulada por un contrato profesional no cal o usuario da asistencia, ou o representante legal da persoa con Diversidade Funcional cando fora necesario, é a parte contratante que debe definir, xestionar e controlar o servizo.

A consolidación da libertade de elección e implicación da persoa usuaria do Servizo de Asistencia Persoal vai ligada ao control do pagamento do servizo mediante a fórmula denominada “Pago directo”, consistente na transferencia dende a Administración Pública, ao usuario receptor do servizo, dunha asignación dineraria determinada, suficiente para sufragar o custe da Asistencia Persoal contratada, previa valoración da súas necesidades.

Os procesos de deseño do sistema de apoios á vida activa e da provisión dos apoios e coberturas, ao marxe da fórmula de prestación, deben de contemplar ás Persoas con Diversidade Funcional como expertos nas súas propias vidas. Como tales, teñen o dereito e a responsabilidade de falar no seu propio nome, participando na organización dos distintos servizos pactados cos servizos sociais correspondentes da Comunidade Autónoma.

Consecuentemente con todo o referido, entendemos que o libre desenvolvemento dos proxectos vitais dos cidadáns da Galicia do século XXI non deberían de ser reducidos ao ámbito da autonomía persoal, do que a persoa poida facer por sí mesma, senón que lles correspondería dispoñer dos apoios necesarios para exercer a capacidade de decidir sobre como organizar e dirixir a súas propias vida, posibilitando a autodeterminación como persoas e cidadáns galegos e galegas de pleno dereito.

Os promotores desta Asociación reúnense coa vontade de impulsar a implantación dun Servizo de Asistencia Persoal e Asistencia Tecnolóxica ás Persoas con Diversidade Funcional, que lles permita desenvolver formalmente as Tarefas básicas persoais, as do fogar, as de acompañamento e instrumentais, as de conducción, as de comunicación, as de coordinación e outras de carácter excepcional, co obxectivo de prestar un apoio integral a aquelas persoas que desexan permanecer no seu domicilio e entorno social elixido e poder desenvolver unha Vida Independente.

Esta vontade inclúe a procura dos procedementos administrativos de valoración orientados ás necesidades singulares da persoa con Diversidade Funcional, que consista na avaliación da situación de cada usuario e a concreción do Plan de Atención Individualizado de acordo co usuario, concretando o número de horas de traballo que darán cobertura ás necesidades asistenciais e os dispositivos tecnolóxicos precisos, posibilitando procedementos de revisión e axuste que acomoden as previsións coa realidade e os cambios na situación do usuario.

A través desta Asociación trátase de posibilitar a xestión dos recursos de Asistencia Persoal mediante modelos organizativos de tipo cooperativo, nos que as persoas partícipes son membros activos da xestión dos seus propios recursos, encargándose de apoiar e formar a novos usuarios e traballadores, compartindo gastos e distribuíndo persoal de apoio en función das necesidades dos membros, poñendo en valor a experiencia individual, sistematizada como fonte de coñecemento especializada en materia de Asistencia Persoal.

Traducir

Síguenos

  • Logotipo da Federación de Vida Independente, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo do Foro de Vida Independiente y Divertad, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo da Asociación SOLCOM, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo de Derechos Humanos Ya, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]