Anxela e a vida

Escoitei pola radio falar a Anxela L.L. sobre o seu sucedido no aeroporto de Amsterdam. A protagonista desta historia de vida non quero que sexa Anxela senón a compañía aérea e a maravillosa, democrática... e residencia do Edén na terra que ‘era’ Europa.

A Anxela negáronlle o acceso ao seu avión co billete en regra e o embarque efectuado porque a súa cadeira de rodas seica pesaba moito. Os xenios do episodio son a compañía Vueling e o aeroporto de Amsterdam. A afectada ten pasaporte español, comunitario; Holanda é membro fundador da UE e espazo Schengen. Anxela usa para se desprazar unha cadeira de rodas que, no seu caso, é de motor eléctrico, o que facilita enormemente a súa autonomía. Si pesa; tamén pesan os alemáns de tamaño enorme de mais de 110 quilos e non por iso lles prohiben viaxar en avión. Anxela comprou o seu billete e vendéronllo, sabendo que era unha persoa en cadeira de rodas. Fixo todos os trámites marcados pola compañía para viaxar. Á ida non tivo problema algún pero, cando intenta retornar, sofre non só problemas administrativos do funcionamento da compañía senón vexación, maltrato, indiferenza e mesmo insultos. E todo isto no miolo da Europa que lle ten que amosar ao mundo o que é a ‘democracia’.

A racionalidade instrumental da compañía aérea podería argüír que as necesidades de cada voo obrigan a mudar o cumprimento das obrigas contractuais que son os billetes. Imos aceptar este argumento como hipótese. De ser así, a compañía ten a obriga -por dereito internacional- de cobriren as necesidades dos pasaxeiros afectados: lugar de espera, voo alternativo, hotel, se for preciso, e acceso a alimento no tempo de espera así como indemnización. No caso que nos ocupa non hai ningunha circunstancia das posíbeis apontadas que se tivese producido. Pura e simplesmente non foi embarcada, perdeu o billete, tivo que comprar outro noutra compañía, e non existiu no aeroporto do país mais libre do mundo (iso pensaban os progres nos '70) ser humano algún con capacidade de solución que amañase a desfeita.

Tamén poderíamos pensar que un feito singular non é demostrativo de nada. Non obstante, hai feitos singulares tan significativos cualitativamente que son reflexo dunha sociedade e do seu funcionamento. Así, por exemplo, se sabemos que nun Estado hai pena de morte para castigar certos delitos, danme igual os restantes argumentos: hai posibilidade de que te linchen de forma legal. Se nun aeroporto europeo discriminan de forma nazi a un ser humano porque vai en cadeira de rodas, non é un sitio que forme parte do meu ideal de país, xa que coexisten coa persoa que levou os trámites no aeroporto os restantes elementos humanos e institucionais que o fixeron posíbel. Non é unha acción atribuíbel á recepcionista do mostrador da compañía, é parte dunha política de empresa e do propio aeroporto inscrito nun sistema europeo de tráfico aéreo. O outro día dicíamos que Europa perdía por 1-0 frente a Hungría; hoxe leva outro cero en conduta democrática e cumpridora das leis.

María do Carme García-Negro

Traducir

Síguenos

  • Logotipo da Federación de Vida Independente, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo do Foro de Vida Independiente y Divertad, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo da Asociación SOLCOM, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo de Derechos Humanos Ya, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]