Nace VICOVAL, asociación para a Vida Independente da Comunidade Valenciana

Logotipo de Vida Independiente Comunidad Valenciana

Activistas valencianos, na súa maioría membros do Foro de Vida Independiente y Divertad, constituíron a asociación VICOVAL encamiñada a promover a Vida Independente das persoas con diversidade funcional que precisan apoios xeneralizados, de tal forma que poidan exercer o poder de decisión sobre a súa propia existencia e participar activamente na vida social, política e comunitaria, co mesmo rango de igualdade de dereitos e deberes que os seus concidadáns.

VICOVAL promoverá experiencias e recursos encamiñados ao recoñecemento da Asistencia Persoal como a ferramenta necesaria para que as persoas con diversidade funcional con necesidades de apoios poidan vivir a súa vida con dignidade, en liberdade, igualdade de oportunidades e sen discriminación.

Así mesmo, desde VICOVAL enténdese que a Asistencia Persoal é a alternativa moralmente máis satisfactoria para a persoa, fronte á política de obrigada institucionalización (en residencias) por causa da diversidade funcional. Son membros fundadores da Federación de Vida Independiente, xunto con outras entidades como VIgalicia.

Supervisar, verificar e impulsar o estrito cumprimento da Convención das Nacións Unidas sobre os dereitos das persoas con diversidade funcional é outra das prioridades de VICOVAL.

A asociación, cuxo ámbito de actuación abarca toda a Comunidade Valenciana, presentarase publicamente en Valencia o próximo día 5 de marzo, ás 18:00 horas, no salón de actos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Valencia, na Avenida de Blasco Ibáñez, número 32. A asistencia está aberta a todas as persoas interesadas.

Desde VIgalicia queremos apoiar a iniciativa dos compañeiros valencianos e agradecer a súa colaboración.

Máis información en www.vicoval.org

Traducir

Síguenos

  • Logotipo da Federación de Vida Independente, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo do Foro de Vida Independiente y Divertad, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo da Asociación SOLCOM, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo de Derechos Humanos Ya, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]