Xornada sobre diversidade funcional e dereitos e presentación de SOLCOM

A presentación da asociación SOLCOM, para a solidariedade comunitaria das persoas con diversidade funcional, foi o prato forte da xornada sobre “Diversidade funcional e dereitos”, que se celebrou o 24 de xuño de 2010, no centro social de Caixanova de Santiago de Compostela.

Mónica Sumay, á esquerda, xunto a María Luísa Ruíz Jarabo [Clic para ampliar a imaxe]

Este evento foi a posta de largo de SOLCOM, xa que se trataba do primeiro acto oficial no que participaba, e fíxoo de mans da súa presidenta, María Luísa Ruiz-Jarabo, quen se dirixiu a unha heteroxénea sala, na que se reuniron, ademais de persoas con diversidade funcional e familiares, avogados e outros profesionais.

De esquerda a dereita: Mónica Sumay, Laura Rodríguez e Marita Iglesias, na pantalla Mariola Rueda [Clic para ampliar a imaxe]

Tras a intervención de María Luísa Ruíz-Jarabo, tivo lugar unha pequena mesa redonda onde se expuxeron os casos de tres familias con menores con diversidade funcional e vítimas de discriminación escolar. A avogada Laura Rodríguez, unha das integrantes da mesa, achegou á sala o caso un rapaz con trastorno do espectro autista de Vigo, que foi obrigado pola Delegación Provincial de Pontevedra a abandonar a súa escola de sempre para ser escolarizado nun colexio de educación especial, afastado dos seus compañeiros e da oportunidade de recibir unha educación inclusiva.

Un caso similar foi o de Mónica Sumay, quen falou da súa filla, tamén con diversidade funcional, a quen a Delegación Provincial de Educación de Pontevedra tamén quixo enviar a un colexio de ensinanza especial, algo que finalmente non ocorreu xa que o caso levouse aos tribunais e resolveuse con vitoria favorable para a familia. A experiencia desta loitadora nai estivo marcada sobre todo pola súa chamada a que a xente denunciase os casos de discriminación, e lembrou que SOLCOM ou VIgalicia foron un apoio fundamental durante a súa loita e que tamén o serán para aqueles que se decidan a denunciar este tipo de discriminacións. Pero se cadra a intervención máis vistosa foi a videoconferencia mantida por Mariola Rueda, dende Málaga, quen presentou o caso do seu fillo, o primeiro neno en España a quen se lle concedeu o recurso dun asistente persoal para o desenvolvemento da súa vida diaria, incluíndo a que desenvolve na escola.

Adela Rey Aneiros durante a súa intervención [Clic para ampliar a imaxe]

Adela Rey, avogada, catedrática e especialista en Dereito Internacional , pechou a rolda de relatorios da mañá coa conferencia sobre a Convención dos Dereitos das Persoas con Discapacidade das Nacións Unidas.

A sesión da tarde comezou de mans de Alejandro Rodríguez Picavea cunha exposición que abordou o concepto de vida independente exemplificándoo co que se denomina en plan xocoso a filosofía Shrek, é dicir: “el problema no es mío, es del entorno que está mal hecho”. Ademais tamén se puideron ver un par de documentais sobre a promoción da asistencia persoal, como clave para a consecución dunha vida independente e como a mellor inversión en emprego posible no eido social.

Alejandro Picavea, á esquerda, xunto a Juan José Maraña [Clic para ampliar a imaxe]

Juan José Maraña, membro do Foro de Vida Independente, VIgalicia e colaborador da asociación AIES, centrou o seu relatorio en desenvolver o concepto da pobreza dos homes e mulleres con diversidade funcional e a súa exclusión social dende unha perspectiva materialista.

Por último, José Antonio Nóvoa, presidente de VIgalicia realizou unha interesante reflexión sobre os dereitos das persoas con diversidade funcional que deu pe a un coloquio que puxo o punto e final ao acto.

Traducir

Síguenos

  • Logotipo da Federación de Vida Independente, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo do Foro de Vida Independiente y Divertad, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo da Asociación SOLCOM, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo de Derechos Humanos Ya, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]