Unha histórica sentenza recoñece o dereito dunha menor con diversidade funcional a estudar nun centro convencional

Anxela López á esquerda, xunto a Mónica Sumay durante a rolda de prensa [Clic para ampliar a imaxe]

Unha sentenza do tribunal do contencioso administrativo de Pontevedra recoñeceu o pasado 21 de xaneiro o dereito de Alejandra Lobato, unha rapaza con diversidade funcional (discapacidade física ou psíquica) de Catoira, a poder continuar os seus estudos nun centro convencional, anulando así a orde da Delegación Provincial de Educación de Pontevedra que a obrigaba a escolarizarse nun centro de ensinanza especial, segundo informou hoxe nunha rolda de prensa en Catoira, a nai da rapaza afectada, Mónica Sumay.

A sentenza, xunto coa do rapaz autista de Vigo Andrés García que se coñeceu a semana pasada, representan un feito histórico sen precedentes en Galicia, xa que é a primeira vez que un tribunal desta comunidade, e unha das primeiras en todo o Estado, recoñece o dereito dun menor con diversidade a estudar nun centro convencional.

“Esta é unha loita moi complexa, os dereitos están no papel pero á hora de exercelo atópaste con moitísimas trabas”, explicou Mónica. “A constitución establece que os pais podemos elixir, segundo as nosas conviccións morais, relixiosas, etc, onde escolarizar aos nosos fillos, pero se teñen diversidade funcional xa non, e iso é discriminación”.

Mónica insiste en que “cando se fala de discriminación pensamos en países en vía de desenvolvemento, pero en España as persoas con diversidade discrimínanse en todos os ámbitos: en educación, en sanidade, en prestacións, en acceso aos lugares públicos e isto ocorre porque non hai concienciación de que son persoas de dereito”.

“Existe aínda a idea de que a esta xente hai que curala, pero desgraciadamente hai diversidades que non se poden curar, pero si hai que recoñecerlle unha serie de dereitos que lle permitan vivir dignamente”, continuou a nai de Alejandra, quen considera que o único camiño válido para que os nenos non sexan marxinados pola sociedade cando sexan maiores é o de asegurarlles unha educación inclusiva, na que non se lles separe do resto dos compañeiros.

Medios informativos cubrindo a rolda de prensa [Clic para ampliar a imaxe]

Cando Alejandra iniciou os seus estudos de secundaria, no mesmo centro no que estivo escolarizada desde pequena, a actitude dos profesores comezou a ser negativa a pesar de que a presenza da rapaza nas aulas nunca minguou o ritmo de aprendizaxe da clase e supuxo avances positivos para a nena, como testemuñan varios informes nos que se basea a sentenza.

Os docentes puxeron trabas para que un asistente, figura recoñecida dentro da Lei Orgánica de Ensinanza (LOE), acompañase a Alejandra nas clases alegando que era unha figura sen función pedagóxica e que violaba a súa liberdade de cátedra, aínda que ata ese momento sempre tivera un e os informes da rapaza así o recomendasen.

“Pola súa diversidade a nena necesita de apoios humanos e aí o profesorado atópase unha barreira, porque eles créense donos das súas aulas, e as aulas son de toda a comunidade educativa: dos profesores, dos alumnos e dos pais”, manifestou Mónica. A rapaza chegou a quedar pechada con chave nun aula por culpa dun “despiste” dun profesor, feito polo que a familia dirixiu varias cartas á Consellería de Educación e á Delegación Provincial reclamando, unha vez máis, a entrada dun asistente.

Ademais do silencio administrativo, a única resposta recibida foi unha resolución do delegado provincial de Educación de Pontevedra que lles comunica que a súa filla deberá ser matriculada nun centro de educación especial situado a 15 quilómetros da súa casa. Un texto no que se lles advertía da obrigatoriedade de acatar esta decisión sen permitirlles a opción a buscar outras posibilidades ou outros centros.

“Neste país temos unhas leis moi avanzadas, pero o sistema non permite que os cidadáns poidamos exercer eses dereitos”. Para a nai de Alejandra parte do problema “reside na nosa sociedade” que aínda considera que “as persoas con diversidade funcional son enfermos que deben curarse” e non somos conscientes de que “desgraciadamente hai diversidades que non se poden curar pero si hai que recoñecerlle a estas persoas unha serie de dereitos que lle permitan vivir dignamente”.

“Estábamos dispostos a levar o caso ante o tribunal de dereitos humanos de Estrasburgo se fose necesario” afirmou Mónica, consciente de que tanto a Convención da ONU sobre diversidade funcional, como a Lei Orgánica de Educación (LOE) e a propia Constitución Española recoñecen o dereito á igualdade de condicións a unha educación inclusiva.

Traducir

Síguenos

  • Logotipo da Federación de Vida Independente, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo do Foro de Vida Independiente y Divertad, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo da Asociación SOLCOM, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo de Derechos Humanos Ya, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]