Dez anos nos tribunais loitando para que os cines de Ourense cumpran coa normativa de accesibilidade

María Cudeiro fronte o despacho de billetes dos Cines Box, en Ourense [Clic para ampliar a imaxe]

A cita é ironicamente no despacho de billetes dos cines Box de Ourense, onde espera María Cudeiro, unha rapaza nova e vital quen, a pesar da súa xuventude, leva vinte anos traballando polo cumprimento dos dereitos humanos, concretamente, do colectivo das persoas con diversidade funcional (discapacidade), ao que ela pertence. María asegura con sorprendente firmeza que non dubida á hora de denunciar calquera situación que infrinxa a normativa de accesibilidade ou os seus dereitos básicos, xa sexa “poder elixir o seu asento nun avión” ou que “os baños dunha gasolineira sexan accesibles”.

Esta teima é a que a levou hai case unha década a iniciar unha batalla legal contra o Concello de Ourense e os cines desta cidade, e grazas a esa mesma obstinación, que non lle permitiu abandonar a súa loita en ningún momento, recibiu unha das maiores gratificacións: dúas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que lle dan a razón e dignifican a todo un colectivo.

María recoñece que non esperaba unha sentenza favorable porque “a lei galega ten moitas lagoas. Fixérona nun día e é unha chapuza. Ten moitas normas contraditorias e absurdas” e ademais sinala que estas poden cambiar dunha comunidade a outra, unha falta de consenso que redunda en crear maiores atrancos.

Para María “a clave para gañar os xuízos está en cambiar a normativa galega: se houbese unha normativa clara, gañaríamos.” A actual fala de “poñer barreiras, inodoros, e demais, pero non di como”, permitindo que os sistemas de accesibilidade ás veces sexan inútiles e inservibles para quen os precisa, polo que ve necesario crear “unha normativa razoable”.

Froito da casualidade, esta ourensá coñeceu en 2001 que a empresa de cines Lauren solicitara as licenzas de obra e actividade para a construción de oito salas de cine na cidade das Burgas. Acostumada a ver cada día como estas obras non soen estar adaptadas para o acceso de persoas en cadeiras de rodas, María pediu ser parte interesada no proceso, e é así como descubriu que, efectivamente, as súas sospeitas eran fundadas, pero ninguén quixo escoitala e o proxecto seguiu adiante.

“Isto non foi un erro, un erro é esquecerse de algo. A primeira vez que presentei a denuncia non había nada construído, foi sobre o plano e o Concello estaba advertido de que se seguían adiante co proxecto, denunciaríao”, polo que decidiu emprender a vía xudicial.

Ese mesmo ano as denuncias chegaron ante a Comisión Técnica de Accesibilidade da Xunta e a Subdirección de Disciplina da Dirección Xeral de Urbanismo, quen responderon de xeito oposto a pesar de tratarse de dous órganos do mesmo Goberno. Mentres que a primeira arquivou o caso sen realizar un estudo previo, a segunda, curiosamente, deulle a razón a María e emitiu un amplo informe, con fotografías, no que se indicou que as salas “incumprían a diversa normativa de accesibilidade de Galicia”.

Ante esta situación, uns meses máis tarde, o Concello de Ourense comunicou a María que o proxecto fora modificado e que os planos estaban á súa disposición para que puidese presentar as alegacións que considerase oportunas. Mais, a estas alturas, os cines xa estaban construídos e incluso funcionaban, sen contar coas imprescindibles licenzas de obra e actividade, o que constituía unha “grave infracción urbanística” por parte do Concello de Ourense, e así mesmo, as reformas presentadas no novo proxecto tampouco cumprían a normativa. Unha vez máis, Cudeiro decide denunciar os feitos.

Sete anos despois, en 2008, tras unha longa espera e dúas reclamacións, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) deulle finalmente a razón a María, o que supuxo unha importante vitoria: “O Concello pensou que me ía render, que non ía seguir porque o custe en segunda instancia son 20 millóns (das antigas pesetas), que estaría tola se o fixese”.

Pero a sentenza deulle a razón á rapaza e o Concello convidou a María a unha reunión no consistorio para tratar de acadar unha solución ao problema, xa enquistado na axenda do goberno local. O que comezou sendo unha reunión amigable rematou nun “enorme cabreo” para Cudeiro: “Coaccionáronme dicíndome que a cidade ía ir contra min, que era unha egoísta, unha insolidaria, que o mundo non estaba feito para as persoas coma min, que tiña que pensar na maioría.” Do falado no encontro María lembra con especial rabia a proposta pola concelleira de Urbanismo, Áurea Soto, quen viu como unha posible solución que “cando os minusválidos fósemos ao cine, avisásemos ao das palomitas, e que el estivese pendente, por se había un incendio, para sacarnos pola entrada”.

“Non podemos quedar na casa mirando o televisor. Dáme igual o que me ofrezan, eu vou seguir pedindo a execución forzosa da sentenza”, que consistiría no derribo dos cines Box de Ourense e a súa reconstrución de acordo coas normativas de accesibilidade e incendios, unhas obras que “implicarían un gasto económico elevadísimo, non só porque terían que tirar o cine enteiro, senón que habería que indemnizar á empresa dos cines, despedir a un montón de xente, sairía prexudicado o centro comercial, o festival de cine independente de Ourense, e a imaxe da cidade. Onde se viu unha cidade sen cines?”.

En 2009 os cines pecharon durante dous días, tras o que o Concello comunicou a María que nas salas xa se efectuaran as reformas necesarias, pero neses dous días “non se moveu nin un parafuso”, asegura Cudeiro. “Lévannos tomando o pelo todo o ano que leva á espera da execución forzosa pero o Concello nunca tivo intención de cumprir a sentenza, e só agora, cando o asunto sae na prensa, pechan o cine dous días para calar á xente”.

A pesar da frustración de contar con dúas sentenzas dos TSXG favorables, pero ver como non se fai xustiza, María asegura que non vai descansar ata que se cumpra a execución forzosa das mesmas e seguirá loitando contra as “largas” do Concello, a quen acusa, xunto con “todos os técnicos que lle deron o visto bo ás obras, de fraude, mentireiros e prevaricación”.

Traducir

Síguenos

  • Logotipo da Federación de Vida Independente, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo do Foro de Vida Independiente y Divertad, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo da Asociación SOLCOM, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo de Derechos Humanos Ya, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]