Entrevista a Adolfo López e Ana Isabel Castiñeira

Adolfo López e Ana Isabel Castiñeira son activistas a prol dos dereitos humanos e membros de VIgalicia e do Foro de Vida Independiente.

López, que se define a si mesmo como un "aloitador" de espazos e polos Dereitos das persoas, leva anos traballando nesta dirección dende a Presidencia da Asociación Íntegro.

Pola súa banda, Ana Isabel Castiñeira, que pasou parte da súa vida nunha institución, exerce o seu activismo dende a Secretaría de Íntegro.

Nesta entrevista ambos nos contan as súas impresións sobre temas como a Convención da ONU ou o modelo de Vida Independente.

Adolfo López Baña [Clic para ampliar a imaxe]

Que expectativas ten en relación á entrada en vigor da Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade?

Adolfo: A verdade, e mirando ao noso arredor somos unha grande minoría os que temos un elevado índice de expectativas na Convención, pero o que máis me preocupa é que existe un grande número de persoas con diversidade funcional, sobre todo no rural, que non coñece a existencia desta Convención, nin tan sequera se senten titulares de Dereitos, por esta razón, temos que levala a onde sexa para dala a coñecer.

Anabel: Que todas as persoas con diversidade funcional poidan gozar de todos os dereitos esas son as miñas expectativas.

Está a sociedade preparada para que se leve a cabo o que se predica no artigo 19 da Convención da ONU no tocante ao dereito das persoas con diversidade funcional a vivir de xeito independente e na comunidade?

Adolfo: Eu creo que os que temos que estar preparados somos nós como titulares de dereitos, despois, ao asimilar ese cambio e ver a potencia dunha ferramenta como é a asistencia persoal, xa non hai marcha atrás, porque ves que podes voar e ser libre.

Anabel: Penso que non.

Na súa opinión, cal é a razón de que en España o Modelo de Vida Independente se instaurase recentemente cando en moitos países de Europa é unha opción que se ten en conta dende fai moitos anos?

Adolfo: Eu creo que este Pais tendemos a ir sempre con atraso con respecto aos nosos veciños da UE en todo, pero cada día somos máis os que pensamos que hai outros modelos organizativos que se centran na persoa e non en estruturas, por todo iso, a instauración da Vida Independente irase asentando pouco a pouco, conforme os homes e mulleres con diversidade se sintan parte do mundo.

Ana Isabel Castiñeira [Clic para ampliar a imaxe]

Anabel: Penso que levamos moitos anos de atraso en moitos sentidos.

Porqué o Proxecto de Asistencia Persoal de Galicia só ofrece 30 horas de asistencia semanal cando noutros lugares como Madrid esta cifra chega as 77 horas?, son conscientes as administracións da redución na súa calidade de vida que isto supón para os usuarios?

Adolfo: A administración o que lle interesa e a “pela” e cantas menos horas, menos pelas. Agora toca involucrar á administración nos beneficios da ASISTENCIA PERSOAL. Facelos participes da mellora humana, económica e social da asistencia persoal.

Anabel: Pola mala xestión dos gobernantes da nosa Comunidade Autónoma, vese que é unha cousa moi inxusta, tiñan que ter todas as horas necesarias.

Que supuxo na súa vida a chegada da figura da asistencia persoal e da Filosofía de Vida Independente?

Adolfo: A chegada da Asistencia Persoal supuxo deixar de ser unha persoa a cal coidan, e converterse nun empregador que xera traballo, e pode traballar. A parte de traballar, participo no ocio na vida en comunidade,...

Anabel: Na miña vida, polo momento, non supuxo nada, porque son independente, pero para as persoas dependentes supón un grande cambio na súa vida, é algo moi necesario para eles.

Que lles diría a todas as persoas con diversidade funcional que ansían unha vida independente pero que se ven freadas por factores externos como a presión social ou o modelo médico-rehabilitador que impera nas administracións?

Adolfo: Para chegar á Vida Independente só tes que dar o paso adiante convencido de que ti queres ser o protagonista da túa vida. Sen medos, os freos iralos sacudindo pouco a pouco conforme vaias coñecendo outros iguais que tamén deron o paso. COÑECENOS…..

Anabel: Que loiten polos seus dereitos, e por unha vida digna, que todos nos merecemos.

Traducir

Síguenos

  • Logotipo da Federación de Vida Independente, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo do Foro de Vida Independiente y Divertad, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo da Asociación SOLCOM, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo de Derechos Humanos Ya, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]