Anuncio de las Jornadas

Xornadas acerca da Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade

Os vindeiros 2 e 3 de abril a Asociación Asistencia Persoal para a Vida Independente, VIgalicia, organizará na Universidade da Coruña unhas Xornadas sobre a Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos das Persoas con discapacidade.

As citadas xornadas contarán coa presenza de destacados conferenciantes dende o eido académico, como Adela Rey ou José Antonio Seoane, entre outros.

Tamén estarán presentes algúns dos máis importantes expertos do Movemento de Vida Independente a nivel nacional como poden ser Alejandro Rodríguez Picavea ou José Antonio Nóvoa.

Este evento realizase como unha iniciativa conxunta de VIgalicia e da Universidade da Coruña. Para VIgalicia é importante que o sector universitario da cidade herculina tome parte na difusión da Convención e que faga partícipe da mesma ao resto da sociedade.

Estas xornadas forman parte dunha campaña de difusión da Convención iniciada o pasado mes de xaneiro en Santiago de Compostela e nas que se expuxeron algúns aspectos fundamentais deste tratado de dereito internacional como é o feito de que as persoas con diversidade funcional son suxeitos de dereito e non obxectos de políticas caritativas e que, polo tanto deben ter os mesmos dereitos , opcións e control sobre as súas vidas que os demais cidadáns.

A Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con discapacidade aprobouse o 13 de decembro de 2006 pola Asemblea xeral das Nacións Unidas. Esta Convención é o resultado dun longo proceso, no que participaron varios actores e entre os que tiveron un papel destacado as organizacións de persoas con diversidade funcional e as súas familias.

Este novo instrumento supón importantes consecuencias para as persoas con diversidade funcional. Unha das principais será a “visibilidade” deste grupo cidadán dentro do sistema de protección dos dereitos humanos de Nacións Unidas, a asunción do fenómeno da diversidade funcional como unha cuestión de dereitos humanos, e poder contar cunha ferramenta xurídica vinculante á hora de facer valer os dereitos destas persoas.

O Estado español, asinou e ratificou a Convención da ONU e o seu Protocolo Facultativo, que abre unha nova vía de reclamación dos dereitos, entrando en vigor no noso país dende o pasado día 3 de maio de 2008. A partir desa data, a Convención pasa a formar parte do ordenamento xurídico español e é invocable ante as autoridades políticas, xudiciais e administrativas.

Por todo isto, invitámolos a acudir a estas Xornadas sobre a Convención das Nacións Unidas acerca dos Dereitos das Persoas con Discapacidade.

Organiza: Vigalicia.

Colaboran: Universidade da Coruña, Foro de Vida Independiente, DerechosHumanosYa.org.

Entidades organizadoras e colaboradoras