Capitulo III. Órganos de representación

Artigo 8. Órganos de Goberno.

A Asociación rexérase polo sistema de autogoberno e o principio de representación, a través dos seguintes órganos:

  1. Asemblea Xeral
  2. Xunta Directiva

Artigo 9. Asemblea Xeral.

A Asemblea Xeral é o máximo órgano de goberno da Asociación e estará integrada por:

  1. Os socios con voz e voto.
  2. Tódalas persoas compoñentes da Xunta Directiva da Asociación. O Presidente e o Secretario da Xunta Directiva o serán da Asemblea Xeral.

Artigo 10. Delegación.

A asistencia e participación na Asemblea Xeral son indelegables.

Artigo 11. Participación na Asemblea Xeral.

  1. Tódolos socios de número e fundadores terán dereito a voz e voto.
  2. Non poderán ser socios todas aquelas persoas que pola súa actividade social, profesional, empresarial ou industrial puidera dar lugar a un conflicto de intereses cos fins desta Asociación.
  3. Poderán asistir ás reunións da Asemblea, previo acordo da Xunta Directiva, con voz e sen voto, e a título de invitados, todas aquelas persoas que se considere poidan aportar xuízos ou informacións técnicas útiles e importantes para as decisións deste órgano.

Artigo 12. Funcións da Asemblea Xeral.

  1. Coñecer e aproba-los Plans de Actuación da Asociación.
  2. Aproba-los orzamentos de ingresos e gastos, de cada exercicio, a conta de liquidación de tales orzamentos e a disposición de bens. Así mesmo, examinar e, no seu caso, aproba-lo balance de situación de cada exercicio.
  3. Fixar, a proposta da Xunta Directiva, as cotas de calquera tipo que deban aboa-los diversos socios.
  4. Examinar e, no seu caso, aproba-las memorias que presente a Xunta Directiva.
  5. Establece-lo réxime disciplinario.
  6. Adoptar resolución sobre os asuntos que figuren na Orde do Día ou que se susciten co apoio dos dous terzos dos votos presentes.
  7. Aproba-la modificación de Estatutos.
  8. Ratifica-la expulsión de socios da Asociación.
  9. Ratifica-la composición da Xunta Directiva de acordo co previsto neste Estatutos.
  10. Acorda-la remuneración, no seu caso, dos membros dos órganos de representación. (Requirirá acordo de modificación dos Estatutos e que conste nas contas anuais aprobadas en Asemblea art. 11.5 LO 1/2002).
  11. Dirimir toda diferenza ou discrepancia que xurda entre un ou máis socios e calquera órgano da Asociación, como igualmente as cuestións que xurdan sobre a interpretación destes Estatutos ou dos acordos adoptados polos distintos órganos desta entidade.
  12. Acorda-la disolución da Asociación.

Artigo 13. Clases de Asemblea e convocatoria.

A Asemblea Xeral reunirase ordinariamente, durante o primeiro semestre de cada ano, e extraordinariamente sempre que o acorde a Xunta Directiva ou o soliciten un mínimo do 25 por cento dos socios da Asociación. Neste caso deberá convocarse no prazo máximo dun mes.

Na convocatoria constará, en todo caso, a orde do día acordada pola Xunta Directiva na que, no seu caso, deberán incluírse tódolos asuntos propostos polo 25 por cento dos socios que solicitaran a asemblea. A convocatoria comunicarase ós socios da entidade cunha antelación mínima de quince días, por correo ordinario.

Artigo 14. Acordos da Asemblea Xeral.

A Asemblea Xeral quedará validamente constituída, en primeira convocatoria, cando concorran na mesma a metade máis un dos seus socios e, en segunda convocatoria, calquera que sexa o número de socios asistentes. Entre a primeira e segunda convocatoria deberán mediar, como mínimo, media hora.

Os acordos adoptaranse por maioría de votos. Os acordos relativos á disposición ou transmisión de bens inmobles, modificación de estatutos e disolución da Asociación, requirirán a celebración de Asemblea Xeral Extraordinaria e os acordos, para ser válidos, deberán ter, polo menos, o voto favorable dos dous tercios dos votos asistentes.

De toda a Asemblea Xeral levantarase acta no libro correspondente e nela farase consta-lo número dos asistentes, os asuntos tratados e os acordos adoptados, indicando os votos a favor, en contra, abstencións e votos en branco e particulares. Para que os acordos sexan firmes e executivos, a acta deberá estar subscrita polo Secretario e o Presidente.

As certificacións de tales actas, así como os testemuños dos acordos nelas contidos expediranse, cando proceda, coa firma do Secretario e o visto bo do Presidente.

Artigo 15. Xunta Directiva.

A Xunta Directiva é o órgano de administración, xestión e representación da Asociación.

  1. A Xunta Directiva estará composta polos seguintes membros:
    • Presidente/a
    • Secretario/a
    • Tesoureiro/a
    • Vocais (un máximo de catro).
  2. Para ser membro da Xunta Directiva é requisito indispensable a acreditación da súa condición de socio de número ou fundador. Así mesmo deberán cumpri-los requisitos esixidos para ser membro da Asemblea Xeral.
  3. Os cargos da Xunta Directiva serán gratuítos, sen prexuízo do dereito a ser indemnizados polos gastos que lles ocasione o cumprimento das súas funcións, previa aprobación dos mesmos e xustificación documental.
  4. Tódolos membros da Xunta Directiva terán voz e voto neste órgano, non podendo exercer votos delegados. En caso de empate nas votacións, o Presidente poderá exercer un voto de calidade.
  5. Tódolos membros da Xunta Directiva deberán colaborar estreitamente entre si, e previo acordo da mesma, poderán substituírse mutuamente nas súas funcións por enfermidade, ausencias xustificadas, etc.
  6. As causas de cese como membro da Xunta Directiva son:
    1. Decisión voluntaria.
    2. Decisión adoptada en Asemblea Xeral Extraordinaria por dous tercios dos socios presentes.
    3. Motivada por decisión xudicial.

Artigo 16. Duración da Xunta Directiva.

  1. Os compoñentes da Xunta Directiva serán elixidos por un período de catro anos.
  2. Se se produce a metade máis un de baixas na Xunta Directiva, esta deberá convocar inmediatamente Asemblea Xeral Extraordinaria para proceder a cubri-las vacantes producidas.
  3. Mentres o número de baixas non sexa inferior a metade máis un, os membros cesantes, serán reemprazados na primeira Asemblea Xeral Ordinaria ou Extraordinaria, mentres tanto as vacantes poderán ser cubertas provisionalmente por designación da Xunta Directiva.

Artigo 17. Elección da Xunta Directiva.

A elección e nomeamento da Xunta Directiva realizarase en Asemblea Xeral Extraordinaria convocada ó efecto:

  1. As candidaturas estarán constituídas por Persoas con Diversidade Funcional con necesidade de apoios de asistencia persoal recoñecida ou representantes legais das mesmas.
  2. As candidaturas serán presentadas en listas pechadas e elixidas por maioría absoluta. No caso de presentarse máis dunha candidatura, será elixida a máis votada.
  3. As votacións serán mediante voto secreto.
  4. Os cargos da Xunta Directiva serán nomeados e ratificados na mesma Asemblea.

Artigo 18. Facultades da Xunta Directiva.

Corresponde á Xunta Directiva:

  1. Representar á Asociación.
  2. Cumprir e facer cumpri-los Estatutos.
  3. Constituír e retirar depósitos, abrir contas correntes e de crédito, adquirir mobles, inmobles e administra-los; solicitar créditos, avais, e fórmulas varias de financiamento a entidades bancarias e financeiras e dispoñer dos fondos da entidade, sendo necesario as sinaturas do Presidente, o Secretario ou o Tesoureiro, necesitándose, ó menos, a sinatura de dous deles.
  4. Confeccionar e remitir a exame e aprobación da Asemblea Xeral o balance e os presupostos anuais de Ingresos e Gastos, propoñendo a inversión de fondos dispoñibles, si os houbera, e os de reserva.
  5. Admitir provisionalmente ás persoas que soliciten a inscrición na Asociación, que logo terá que refrendar a Asemblea.
  6. Constituír, organizar e dirixir comisións de traballo ou estudio para o mellor desenvolvemento das actividades da Asociación.
  7. Designar e contratar persoal.
  8. Decidir sobre o exercicio de accións xudiciais.
  9. Decidi-la data das convocatorias das Asembleas Xerais.
  10. Nomear comisións especiais, subliñando a súa composición, facultades e fins.
  11. Exercer cantas xestións ou actos non estean expresamente reservados á Asemblea Xeral, coas facultades necesarias e coa obriga de dar conta das mesmas na próxima Asemblea Xeral.

Artigo 19. Funcionamento da Xunta Directiva.

A Xunta Directiva reunirase, alomenos, unha vez cada trimestre ou cando o determine o seu Presidente por si ou a petición de dous compoñentes da mesma.

O cargo de directivo osténtase a título persoal, polo que, cando non sexa posible a asistencia, só poderá delegarse a representación noutro membro da Xunta Directiva no caso da asistencia a actos da entidade.

A convocatoria das sesións, que comprenderá en todo caso a orde do día correspondente, será feita polo Presidente da Xunta Directiva ou persoa en quen delegue, coa antelación mínima de sete días salvo caso de especial urxencia. A composición da orde do día das sesións corresponderá ó Presidente, a proposta do Secretario, quen terá en conta, no seu caso, as peticións dos demais membros.

Cando o estime oportuno a Xunta Directiva ou o Presidente, poderán acudir á reunión da mesma persoas non pertencentes a ela con carácter de asesores.

Poderán crearse comisións de traballo ou estudio para o mellor desenrolo das actividades da Asociación. A composición das mesmas será establecida por acordo da Xunta Directiva.

Artigo 20. Presidente.

Son funcións do Presidente:

  1. Ter a representación oficial da Asociación, tanto xudicial, como extraxudicial, coa facultade para delegar en terceiras persoas.
  2. Levar a sinatura social conxuntamente co Secretario e o Tesoureiro. Ordenar os pagamentos con cargo aos fondos da Asociación. A retirada dos fondos da Asociación depositados en entidades bancarias, para o que precisará a sinatura do Secretario ou do Tesoureiro.
  3. Convocar e moderar as sesións da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral.
  4. Ratificar co seu visto e práceme as Actas das Asembleas Xerais e da Xunta Directiva, as certificacións que se expidan e cantos documentos o requiran.
  5. Outorgar poder ós procuradores e mandatarios.
  6. Permitir ou non, a presenza de invitados nas reunións da Xunta Directiva e nas Asembleas Xerais, tanto Ordinarias como Extraordinarias.
  7. Velar pola execución dos acordos adoptados na Asemblea Xeral e na Xunta Directiva. Coidar do debido cumprimento dos Estatutos, dos fins e principios da entidade.
  8. Calquera outro de interese para o cumprimento dos Estatutos.

Artigo 21. Secretario.

As funcións do Secretario son:

  1. Custodia-los libros, documentos e selos da Asociación, agás os libros da contabilidade.
  2. Leva-lo Libro de Rexistro dos Socios.
  3. Redacta-las Actas das Asembleas Xerais e da Xunta Directiva.
  4. Librar certificacións con referencias ós libros e documentos da Asociación, co visto e práceme do Presidente.
  5. Constituír e retirar depósitos, abrir contas e retira-los seus fondos, sendo necesario para elo a sinatura do Presidente ou do Tesoureiro.
  6. Prepara-los puntos que teñan que tratarse nas Asembleas Xerais, enviando as Actas, a Orden do Día e a documentación necesaria con quince (15) días de antelación como mínimo.
  7. Responsabilizarse de arquivos, ficheiros, etc., así como do bo funcionamento das tarefas administrativas, en xeral, da Asociación.
  8. A representación xurídica diante de todo tipo de instancias públicas e privadas, e de carácter administrativo e xudicial, por delegación do Presidente.

Artigo 22. Tesoureiro.

As funcións do Tesoureiro son:

  1. Custodiar e leva-los libros de contabilidade.
  2. Comunicar inmediatamente á Xunta Directiva o incumprimento ou irregularidades que se poidan producir nos cobros, pagos e, en xeral, na xestión económica da Asociación.
  3. Custodia-los fondos da Asociación, respondendo das cantidades de que se fixera cargo, conservando na caixa os fondos que a Xunta Directiva estime necesarios para o desenvolvemento normal da Asociación. Para dispoñer dos fondos da Asociación, precisase de dúas sinaturas do Presidente, e/ou Secretario ou Tesoureiro.
  4. Facerse cargo das cantidades que ingresen na Asociación, arquivando os libramentos que faga efectivos cos seus xustificantes.
  5. Elabora-los presupostos anuais e facer previsións de futuro.
  6. Cobra-las cotas dos socios.
  7. Solicita-las subvencións oficiais, públicas ou non, que periodicamente se acorde.

Artigo 23. Vocais.

As funcións dos vocais son:

  1. Asistir ás reunións da Xunta Directiva.
  2. Ostenta-la representación da Xunta Directiva nas comisións que se poidan formar para cumpri-los fins que marcan os Estatutos.

Traducir

Síguenos

  • Logotipo da Federación de Vida Independente, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo do Foro de Vida Independiente y Divertad, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo da Asociación SOLCOM, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo de Derechos Humanos Ya, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]