Diversidade funcional e dereito ao pracer

Deconstruír a sexualidade para a arredar desa “visión parcial” que a reduce á “xenitalidade” mais tamén garantir o dereito de todas as persoas a gozar dela. Eis a loita das persoas con diversidade funcional. Non son “anxos”, defenden.

Graffiti de Banksy representando dúas persoas persoas con diversidade funcional abrazándose

Autora: Olalla Rodil. Publicada en Sermos Galiza o 22 de outubro de 2015. Nº 168.

Todas as persoas –a priori- se masturban, gozan ao experimentar e desenvolver a súa sexualidade e precisan afecto, físico e emocional. Así o recoñece desde o ano 2002 a Organización Mundial da Saúde cando definiu a sexualidade como "un aspecto central do ser humano ao longo da vida". Un dereito que vai para alén do sexo e abrangue a “identidade de xénero, a orientación sexual, o erotismo, o pracer, a intimidade e a reprodución".

Porén, "un dos tantos estereotipos que existen sobre as persoas con diversidade funcional é que non teñen desexo, que non son desexábeis", sinala Toño Nóvoa, integrante do Foro de Vida Independente. "É algo frecuente a infantilización das persoas con diversidade funcional”, “sen interese”. “Hai unha fenda enorme entre a persoa e a imaxe limitada que se ten dela, coma se fosemos anxos", asegura.

Toño Nóvoa fala desde a súa propia experiencia e apunta ao "paternalismo" mais tamén á "cousificación" que padecen as persoas con diversidade funcional a re-produción dun “imaxinario” que as presenta como "seres non sexuados". Un “tratamento” que presenta milleiros de persoas na Galiza como “obxectos” que han de "ser coidadas, protexidas e supeditadas a dinámicas impostas desde fóra através, acrecenta, dunha "visión patoloxizada e rehabilitadora".

"É algo frecuente a infantilización das persoas con diversidade funcional"

As persoas somos diversas e non por iso podemos ser discriminadas, apunta Anxela López, integrante do Foro de Vida Independente e participante do documentario Yes We Fuck (Si, nós fodemos).

Toño Nóvoa e Anxela López defenden o dereito de “todos” a “ter unha vida sexual activa” e a gozar da propia sexualidade. “É un dereito humano e ninguén debe ficar á marxe diso”, apunta Nóvoa. Mais para garantir o dereito a exercer ese dereito, defende, é preciso rachar coa “visión parcial” e “falocéntrica” da sexualidade. “Eu son un home e vexo que predomina unha visión machista” que se traslada tanto a elas coma a eles. “Ti funcionas?”, sinala como pregunta habitual referida á capacidade masculina para ter unha erección.

Nese senso, a percepción do propio corpo –e o goce vencellado a el- “vén construída non só polo que un percibe de maneira illada senón tamén por construcións sociais e culturais”. “Se nos limitamos a esa visión filoporno ou falocéntrica” as persoas con diversidade funcional “podemos vernos como incapaces, insuficientes”, sinala. Porén, acrecenta, “cando se consegue arredar a sexualidade dos estereotipos obtéñense experiencias satisfactorias” que nos “permiten ser felices e sentir completos”, ábrese, asegura, “un horizonte e a vida ten máis sentido que o de ser un obxecto coidado e limpo”.

Acompañamento sexual

Desde esta focaxe xurdiron proxectos cuxo obxectivo é garantir a sexualidade como dereito. É o caso de Tandem Team BCN, unha entidade que actúa de intermediaria entre aquelas persoas “cunha necesidade afectiva” e outras que “ofrecen” a súa satisfacción. Francesc Granja, o seu presidente, explica en conversa con Sermos Galiza que a iniciativa naceu da “vontade dos seus fundadores” após “dárense conta de que no mundo da diversidade funcional a sexualidade está agochada e non se aborda de maneira transparente e honesta”. Inicialmente Tandem Team BCN estaba focada a propiciar “normalidade sexual” e “emocional” ás persoas con lesión medular, como o propio Francesc Granja, mais, chegado o momento, “pensamos que non é momento de falar senón de actuar” pois, “as persoas seguen sen acceder a experiencias relacionadas co seu corpo”.

Neste senso, comezaron a traballar na figura do “acompañamento íntimo” ou asistente sexual, unha figura regulada en ordenamentos xurídicos como o suízo, o holandés e o belga, no que eles se inspiraron mais ao que engadiron un “pequeno cambio”.

María Clemente é psicóloga e parte da equipa de Tandem Team BCN. O proceso que seguen “no momento en que existe unha persoa demandante” ou “usuaria” é facer “unha entrevista” na que se valoran as súas necesidades. A partir de aí “concertamos un encontro de espectativas” entre as dúas persoas, “vemos se hai feeling” e acórdanse as condicións nas que se desenvolverá o encontro privado. Isto é, se haberá unha cea previa, por exemplo, ou se existirá contra-prestación económica, entre outras moitas cuestións. Após a asistencia ou acompañamento, na que Tanden Team non participa, avalían como foi e se se cumpriron as espectativas.

"O acompañamento íntimo non o concibimos como unha terapia senón como un baile"

“Hai moitos modelos distintos”, apunta Granja. “O suízo é case o máis intervencionista, é moi restritivo para o usuario” pois, “só poden acceder unha vez ao mes e non poden repetir dúas veces co mesmo asistente”. Cae no “erro”, asegura, de “querer protexer tanto que restrinxe moito os intereses dos usuarios”. Unha das razóns polas que decidiron afastar Tanden Team do “estado como provedor” para “garantir a máxima liberdade”. “Non se pode protocolizar” o que definen como “un baile”. “O acompañamento íntimo non o concibimos como unha terapia” senón “como entrega”.

O “perfil” das persoas que acoden a Tandem Team son “maioritariamente homes”, entre “30 e 50 anos”, con “diversidade funcional física”, principalmente, explica María Clemente. “O que máis demandan é a nivel afectivo, sexual tamén, mais conciben a asistencia como unha maneira de manter un encontro con calidade afectiva, sentir que es acariaciado, desexado”, eis –apunta Clemente- “o alicerce” fundamental dos encontros.

Outras narrativas

“Cando falamos de diversidade funcional hai tantas diversidades como persoas”, di Toño Nóvoa. “Non todos precisan as mesmas cousas para gozar da sexualidade” mais “hai quen precisa apoio ou asistencia”. Para alén da parte emocional “tamén existe a necesidade dun apoio directo” e mesmo “dispor dunha persoa que teña vontade de intervir nesa relación sexual”, “ter contacto co corpo, o xogo de sensibilidades, o respecto...”, di Nóvoa. “Todo aquilo que se estabelece para rachar cos medos, prevencións” e mesmo coa “desorientación” que poidan sentir aquelas persoas que “non coñecen máis do que lles vén dado”.

Toño Nóvoa concibe o acompañamento ou asistencia sexual como “unha ponte”, unha “iniciación”, di, “para chegar alén e tirar coa mochila de ideas impostas, preconcibidas”. Un chanzo a partir do que “ter relacións con persoas que non sexan asistentes sexuais”.

"Unha vida sexual activa é un dereito humano"

Mais para iso, cómpren, enfatiza Toño Nóvoa, “novas narrativas” que arreden a sexualidade “da xenitalidade”, acrecenta Francesc Granja e dunha “educación sexual” baseada no “pene-vaxina” e nos “riscos” das Enfermidades de Transmisión Sexual (ETS) que nos fai “confundir”, continúa Nóvoa, “a sexualidade co sexo” no marco dunha “cultura machista” e “opresora”.

Así as cousas, subliña Nóvoa, “se xorden ferramentas coma esta é porque as persoas dispoñen de tempo para elaborar pensamento” porque “teñen cubertas cuestións de supervivencia”, o que pon de relevo que, para alén da diversidade funcional, a sexualidade ten a ver tamén co acceso ao recursos, nomeadamente económicos.

Autora: Olalla Rodil. Publicada en Sermos Galiza o 22 de outubro de 2015. Nº 168.

Traducir

Síguenos

  • Logotipo da Federación de Vida Independente, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo do Foro de Vida Independiente y Divertad, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo da Asociación SOLCOM, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo de Derechos Humanos Ya, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]